A resposta da Xunta ao ictus, en cuestión

Consulta no marco do Plan galego do ictus, a terceira causa de mortalidade na Galiza e a primeira de discapacidade en persoas adultas. (Foto: Nós Diario)
O Consello de Contas demanda máis medios para loitar contra a doenza

O Consello de Contas da Galiza (CCG) vén de pór en cuestión a resposta da Xunta diante do ictus. Nun informe presentado o pasado 30 de outubro no Parlamento e referido aos exercicios de 2017 e 2018, o órgano fiscalizador recomenda “valorar a oportunidade de actualizar, modificar, ampliar ou, no seu caso, homoxeneizar os protocolos de actuación dos distintos hospitais”, “avaliar a posibilidade e conveniencia de dotar os centros de nivel 2 dos medios precisos para que poidan levar a cabo o tratamento endovascular” e verificar “a introdución áxil e rigorosa dos datos no rexistro de ictus implantado no ano 2019, de modo que resulte unha ferramenta válida para analizar o seguimento dos indicadores que recolle o Plan ictus ou os novos que se pretendan implantar”.

As recomendacións do CCG chegan cando o Ministerio de Sanidade vén de facer público que en 2019 o ictus foi a terceira causa de mortalidade na Galiza após o cancro e as doenzas do corazón.

Neste sentido, o documento elaborado pola autoridade sanitaria estatal sinala que o ictus é “a primeira causa de discapacidade en persoas adultas” malia ser posíbel prevelo en 90% dos casos, indica que “nos anos 2017-2018 os ictus isquémicos foron os máis frecuentes, representando un 65% dos totais” e destaca que nese período “o 51% dos ingresos por ictus foron de varóns cunha idade media de 72,03 anos, mentres que no caso das mulleres a idade media foi de 77,57 anos”.

O CCG fai unha valoración negativa da aplicación do Plan de asistencia ao ictus, popularmente coñecido como Plan ictus aprobado pola Xunta da Galiza no ano 2016. A este respecto, o ente fiscalizador recorda que a instrución 7/2017, de 4 de maio, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas), pola que se estabelecen os criterios de coordinación para a atención ao ictus dos doentes do Sergas e de funcionamento do rexistro de datos de atención ao ictus fixa a posta en marcha inmediata dunha base de datos de persoas afectadas pola enfermidade. Porén este rexistro non entra en funcionamento até abril de 2019, practicamente dous anos despois do acordado.

As unidades de ictus no sistema hospitalario galego fican reducidos ao Centro Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), ao Centro Hospitalario Universitario (Chus) e ao Centro Hospitalario Universitario de Vigo. Os tres equipamentos fan parte do nivel hospitalario 3 e contan con camas específicas cunha ratio de 1 por 100.000 habitantes para atención das e dos doentes de ictus, cunha especialista en neuroloxía en funcións de coordinadora experta en enfermidades cerebrovasculares, así como cunha neuróloga de fiscalización do Plan de asistencia ao ictus. 

A cobertura ofrecida na rede pública é insuficiente para o alcance da enfermidade e neste sentido desde o CCG apóstase por ampliar as unidades de ictus aos hospitais de nivel 2. Así, en caso de que fose adiante a recomendación do órgano fiscalizador, os complexos hospitalarios de Ferrol, Ourense e Pontevedra e os de Lugo e da Mariña disporán de unidades de ictus.

Actualmente, a atención para a doenza nestes centros é prestada por un equipo moito máis precario, sendo aínda máis grave a situación nos hospitais de nivel 3, formada pola rede comarcal, onde a atención é prestada polos facultativos do servizo de urxencias, ao non contar con persoal específico para o tratamento de ictus nin cunha neuróloga de garda.