Responsabilizan a industria do eucalipto de estragar o castro da Rilleira

Imaxe de Mariña patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio responsabilizan a “industria do eucalipto” e denuncian que os labores forestais  afectaron “gravemente” a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea deste xacemento.

O Castro da Rilleira, en Cabarcos (Barreiros), na Mariña de Lugo, volveu sufrir importantes danos polos labores e tarefas realizadas na zona en relación coa industria do eucalipto, segundo denuncian Adega e Mariña patrimonio. “Hai exactamente un ano, denunciamos a desfeita provocada pola plantación de eucaliptos noutra parcela deste mesmo castro sen que a día de hoxe, malia o tempo transcorrido, teñamos recibido ningunha resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta”, lembran nun comunicado.

Desta volta, denuncian, “os labores forestais  afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos. Empregouse maquinaria pesada, deuse apertura a unha pista que cortou o parapeto, arrincáronse as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse novos furados con pá mecánica para plantar os novos”.

Adega e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia por estes feitos. “Unha vez máis vemos como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido”. Afirman, sinalando as responsabilidades da administración polo seu desleixo.

Para algúns investigadores, o castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos, tería unha grande significación histórica, xa que sería o lugar onde se asentaban os cibarcos, unha tribo galaica da que nos fala o historiador romano Plinio o Vello. Este castro conta cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e, probablemente, a croa contase cunha muralla pétrea de módulos.

Problema de vello

O colectivo Mariña Patrimonio denunciaba a mediados de 2016 que tiña constancia de máis de 30 lugares protexidos (mámoas, castros...) destruídos durante talas e traballos relacionados co eucalipto na comarca. Nada que nos deba estrañar se temos en conta, como denuncia este colectivo da mariña lucense, que a metade dos 500 xacementos arqueolóxicos “que ten inventariados Patrimonio no norte de Lugo teñen eucaliptos enriba”.