As residencias de maiores acumulan 327 dos 4.336 positivos por Covid-19 do país

Un usuario nunha das galerías do centro de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As usuarias e os cadros de persoal dos xeriátricos de Outeiro de Rei, O Incio e Culleredo seguen a ser as peor paradas polos gromos. Tamén hai un grupo numeroso de doentes no centro Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros.

Os centros residenciais da Galiza rexistran un total de 327 positivos por coronavirus, dos que uns 250 correspóndense con persoas usuarias e outros 77 con membros dos cadros de persoal contaxiados.

Atendendo á información facilitada polas autoridades sanitarias, rexistrouse un novo positivo nun usuario do xeriátrico DomusVi de Lalín, que xa suma un total de seis casos entre traballadoras e residentes.

A Consellaría de Política Social informa tamén de que se produciron tres novas altas, en concreto de tres empregadas da residencia de DomusVi de Outeiro de Rei.

Un dos puntos máis complicados na actualidade atópase na residencia do Incio, con 75 usuarios contaxiados e 28 operarias e operarios, ademais da DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) con 141 residentes e 22 positivos entre o persoal.

Na Orpea, situada no barrio da Zapateira pero xa en Culleredo, seguen en activo un total de 26 casos de usuarios e de 4 de traballadores.

Os centros de atención á discapacidade, pola súa banda, contan con 17 positivos confirmados até o momento.

A maioría de casos déronse na residencia Ricardo Baro que xestiona Aspronaga, en Oleiros, con 12 usuarias afectadas e 2 traballadores.

O resto de positivos rexístranse na residencia Aspace da Coruña, A Braña na Estrada e Juan Vidán Torres de Santiago, cun positivo en cada unha,