Residentes animan aos galegos a que se vacinen na segunda xornada da campaña

Inocencio Corbal, primeiro residente vacinado na área sanitaria ourensá o 29 de decembro de 2020 (Foto: Área sanitaria de Ourense).
Na cuarta feira tomará maior alcance tras a chegada das 18.000 doses a Galiza. "Teño ganas de poder coller a miña neta, aínda non puiden facelo porque só ten dous meses", declarou Inocencio Corbal, o primeiro residente vacinado na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

Nun cambio de última hora, a Consellaría de Sanidade decidiu continuar esta terza feira coa campaña de vacinación, iniciada de maneira simbólica o domingo na residencia Porta do Camiño de Compostela. O retraso das doses de Pzifer e BioNTech provocou que se pospuxese a segunda xornada á cuarta feira, mais a Xunta optou finalmente por empregar as vacinas sobrantes da primeira remesa. Na cuarta feira proseguirá a campaña, logo da chegada das 18.000 doses que correspondían a Galiza.

Alegría dos residentes

A decisión foi avalada polo comité clínico que asesora á Xunta. As 350 vacinas foron destinadas ao Fogar Residencial Bellolar, na área sanitaria coruñesa; á residencia de Caranza, na ferrolá; a de Burela, na lucense; á Servisenior de Vilagarcía, na pontevedresa; a Los Arcángeles de Teo, na compostelá; a Santa Ana de Ponteareas, na viguesa e a vivenda comunitaria San Marcos de Cudeiro na ourensá.

O segundo día da vacinación tamén contou con nomes propios. "Síntome liberada e libre deste pesadelo", explicou onte aos medios María del Carmen Fernández, usuaria da residencia de Burela. "Estou alucinada de como os científicos conseguiron en tan pouquísimo tempo a vacina", valorou ao tempo que instou a poboación a vacinarse.

Estou alucinada de como os científicos conseguiron en tan pouquísimo tempo a vacina, valorou María del Carmen Fernández

Sabina Salvado, a primeira en descubrir o brazo na residencia Los Arcángeles de Teo, afirmou sentirse "moi feliz". "A ver se podemos saír dunha vez por todas deste problema", agregou.

Desde a área da Coruña e Cee, o residente do fogar Bellolar da cidade herculina Juan Molina partillou a súa emoción. En Vilagarcía, María Ana Cancio asegurou que despois da vacina está "máis tranquila".

A ver se podemos saír dunha vez por todas deste problema, desexou Sabina Salvado

En Vigo, María Bello e Abilio Rama foron os primeiros da residencia de Ponteareas, mentres que Inocencio Corbal foino na de Ourense. "Teño ganas de poder coller a miña neta, aínda non puiden facelo porque só ten dous meses. Vina, pero foi desde o coche", dixo Corbal. 

Previsións

Nuria Pardellas, enfermeira que administrou vacinas na área sanitaria de Vigo, explicou que que o principal "problema" da vacina é súa trazabilidade. Adminístrase "rápido", explicou, xa que require entre cinco e sete minutos por cada paciente e precisa dunha observación posterior de 15 ou 20 minutos.

Ao longo desta semana os equipos seguirán traballando coas 18.000 doses recibidas, tomando así un alcance maior. Áreas como a viguesa ou a coruñesa prevén vacinar arredor de 2.000 persoas esta semana cada unha.