Galiza ten a segunda menor ratio de inspectores de residencias do Estado

Centro residencial de DomusVi en Outeiro de Rei (Foto: Europa Press).
O xornalista Manuel Rico, que vén de publicar 'Vergoña: o escándalo das residencias', alerta de que a Xunta só ten 7 inspectores.

A Fundación Luzes organizou este sábado un coloquio para presentar o libro 'Vergoña: o escándalo das residencias', unha investigación do xornalista galego Manuel Rico que vén de ser galardoada co premio José Couso de xornalismo.

Nos primeiros días do confinamento, en marzo de 2020, na meirande parte das residencias públicas e privadas faltaba material sanitario básico como máscaras, EPIS ou probas diagnósticas da Covid-19. "Os directores limitáronse a culpar o Goberno estatal destas carencias", censura Xan Carlos Ansia, delegado da CIG no comité de empresa de Política Social e traballador do centro de Volta do Castro (Compostela).

Neste senso, Ansia salienta que as e os directores dos centros públicos son persoas "nomeadas a dedo pola conselleira de Política Social e débenlle obediencia". "As residencias deberían dirixilas profesionais do sector con experiencia", conclúe.

O delegado da CIG pon tamén o foco na opacidade que arrodea o "comité de persoas expertas" que asesora á Consellaría na elaboración dun "novo modelo residencial". "Non sabemos quen son", di. Nós Diario xa denunciara esta cuestión o mes pasado, e non obtivo resposta após solicitar ao departamento de Política Social da Xunta a relación de membros.

Ximena Campos, técnica superior de xestión xerontolóxica no Consorcio Galego de Servizos, Igualdade e Benestar da Xunta (impulsado polo Goberno bipartito), convida a "ese comité cuxa identidade descoñecemos" a estabelecer un diálogo coas e cos profesionais das residencias que están a desenvolver "experiencias moi positivas" en materia de xestión. "Temos un sistema de boas prácticas que funciona e que é un gran descoñecido, traballamos por ofrecer habitacións individuais a todas as e os residentes", expón.

Falta de inspeccións

"Non me gusta xeralizar, mais moitas residencias privadas da Galiza antepoñen o lucro á calidade dos coidados", alerta Rico, quen sinala que a pandemia colleu por banda uns centros que padecían numerosos "defectos estruturais". A respecto desta cuestión, Manuel Rico ve como unha das principais deficiencias do modelo das residencias na Galiza a falta de inspeccións: "Segundo datos de finais de 2019, no país hai apenas sete inspectoras e inspectores para supervisar todas as residencias".

Con este dato, é o segundo territorio do Estado coa peor ratio de inspectores en relación ás prazas dispoñíbeis nos centros públicos e privados, só por diante de Estremadura. Rico tamén apunta ás escasas sancións impostas, e pon como exemplo a multinacional DomusVi: "Ten pagado perto de 22.000 euros en multas, mentres en 2019 facturou arredor de 600 millóns de euros en todo o Estado".

Así mesmo, Paulino Campos, presidente da Federación REDE, convidou a exercer un xornalismo "rigoroso, bo e transparente" para denunciar que "nas residencias se teñen pisoteado e vulnerado os dereitos das persoas residentes".

Finalmente, Sonia Jalda, do colectivo de Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega), denunciou a "ratio de persoal insuficiente" e a demora na diagnose da dependencia. "A falta de persoal sanitario e de material e a escasa formación das e dos traballadores son as principais eivas, e a Xunta é coñecedora desta situación", asegura.