As residencias de maiores galegas suman xa 110 casos de coronavirus

Un operario con traxe de desinfeccion, na residencia de maiores San Carlos de Celanova (europa Press)

Galiza eleva a 110 as persoas afectadas por coronavirus en residencias de maiores, 88 delas usuarias e 21 traballadoras, segundo os datos da Consellaría de Política Social. Nos Centros de Atención a Persoas con Discapacidade ( CAPD) contabilízanse 15 casos de persoas residentes afectadas e dous entre o persoal. 

O "caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevencion perante a COVID-19" levou esta semana a CIG a denunciar a Consellaría de Política Social perante o Xefe Territorial da Inspección de Traballo pola súa xestión.

Os últimos casos en residencias rexistráronse na Domus Vi Carballo, que conta cun diagnóstico en activo, na de San Lázaro -en Compostela-, onde aumentaron até  15, en Domus Vi Barreiro (Vigo), onde chegan aos 33, na residencia Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, onde hai rexistrados tres casos, e na Esperanza, de Ourense, con outros tres.

Os datos tamén contemplan diagnósticos na residencia de Celanova (13), O Portádego (9) e Fogar Bellolar,  (3), ambas as dúas na Coruña; en Caldas (2), Cangas (4), Castro Caldeiras (1) e na residencia Betania, en Viveiro (1).

Desde Política Social informan de que un dos pacientes diagnosticados en Celanova e outro en Fogar de Bellolar faleceron, e indica que un equipo sanitario se desprazou na xornada de onte ao centro do Portádego para prestar atención médica. 

En canto ao persoal afectado, as cifras ascenden a 21 persoas infectadas, das que 14 pertencen ao centro de San Carlos de Celanova, 5 á Domus Vi Barreiro de Vigo, unha forma parte do persoal da residencia A Esperanza  de Ourense e unha, ao do centro San Simón, en Teo.  

Os centros de atención especializada para persoas con diversidade contabilizan entre os e as usuarias 15 casos, 8  deles en Aspronga (Oleiros), 4 en Redondela, 2 en Aixiña (Ourense) e 1 en Santa Cruz, San Rosendo (Ourense). Segundo certifican desde Política Social, tamén hai en Aspronga e Redondela dúas persoas do equipo profesional afectadas.