As residencias, libres de Covid: Emoción e cautela despois da vacina

A situación nos centros da terceira idade favorece unha maior interacción das usuarias coas súas familias. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Por cuarto día consecutivo as residencias da terceira idade e os centros de persoas con discapacidade non teñen ningún caso activo de Covid-19. Desde o mes de xullo non gozaban dunha situación igual. A inmunidade permítelles recuperar actividade e maior interacción, mais con  prudencia.

Nun momento en que a evolución epidemiolóxica na Galiza volve anotar subas diarias nalgúns dos principais indicadores da pandemia, os rexistros nas residencias de maiores mantéñense a cero

A pasada sexta feira, 16 de abril, Sanidade confirmou que todos os centros quedaban libres de coronavirus tras a alta do único traballador que figuraba nos informes diarios da Administración galega como positivo.

Por cuarto día consecutivo, as residencias non rexistran ningún caso de Covid-19, despois de alcanzar, no transcurso da terceira onda, un pico de 466 persoas usuarias infectadas. Foi o 24 de xaneiro, case un mes despois de que se iniciase a campaña de vacinación nos centros da terceira idade da Galiza -o 27 de decembro de 2020- e a piques de se completar a administración da segunda dose, un proceso que a Xunta deu por concluído a mediados de febreiro.

O descenso de casos activos por coronavirus nas residencias foi progresivo desde entón. Foi, tamén, o primeiro escenario onde se empezou a observar o efecto das vacinas, até confirmar o que outros países comezaran a avanzar: a efectividade das vacinas sobre o terreo iguala a dos ensaios clínicos.

Co paso dos días a inmunidade mudou a realidade dos centros da terceira idade. Os surtos foron a menos e a incidencia da Covid-19 nas residencias descendeu moi por baixo dos rexistros que a pandemia mantivo para o resto da poboación. Coa vacina caeu a virulencia das infeccións e a mortalidade das persoas anciás institucionalizas, un dos principais colectivos de risco e tamén un dos máis castigados polo coronavirus, con 790 persoas falecidas en residencias, residencias integradas e hospitais.

Contornos seguros

"Hoxe os centros da terceira idade son contornos seguros" afirma a Nós Diario Carlos Dosil Díaz, membro da xunta directiva da Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede). "Practicamente o cen por cento da persoas residentes e do colectivo traballador aceptaron vacinarse e están inmunizados fronte á Covid, pero o resto da sociedade non o está, polo que debemos actuar con cautela e volver á normalidade de forma responsábel", sen présas, mentres a maior parte da poboación xeral non estea inoculada.

"Hai tres meses a situación era alarmante", asegura Dosil, pero a vacina reduciu a taxa de propagación do virus "de maneira sobresaínte" e desterrou os casos de Covid-19 dos centros da terceira idade, "o que levou a Administración a aprobar un novo réxime de visitas que, sen dúbida, marca a diferenza".

Maior interacción

Para a poboación residente, a vacina supuxo unha gran "tranquilidade", asevera Sonia Jalda, voceira do colectivo Traballadoras de Residencias da Galiza (Trega). "Unha tranquilidade enorme. Para poder saír, acompañar os seus familiares e recuperar certas actividades fronte á deterioración cognitiva" que moitas persoas sufriron despois de tantos meses en condicións de confinamento ou semiillamento.

Segundo explica, a vacina tamén trouxo de volta ás residencias usuarias que durante os meses máis duros da pandemia abandonaran estes centros, e incluso deu acceso a de novo a quen levaba anos agardando unha praza. "As residencias volven estar cheas. Con listas de espera de máis de tres anos, os ocos dispoñíbeis a causa dos falecementos estanse ocupando de novo", di.

Nun escenario máis favorábel, as actividades que se viñan desenvolvendo de forma individual comezan a recuperar o formato grupal. A terapia ocupacional e  as sesións de fisioterapia volven funcionar nos seus propios espazos. Mais cada centro estabelece as súas propias dinámicas.

"Aquí aínda non recuperamos os grupos de vello nos que podían participar até 20 persoas usuarias. Traballamos en grupos burbulla. Para comer, para ir ao ximnasio, para pasear polo entrada principal, cada residente vai coas da súa planta", describen a Nós Diario desde unha residencia da contorna de Lugo. Este centro vén de ampliar as visitas, de abrir o espazo da cafetaría e de retomar as saídas ao centro da vila. "Van felices. Por quendas, en grupos reducidos e sempre acompañadas. O primeiro día había nervios e emoción. Hai máis interacción, máis flexibilidade, pero o risco segue aí", manteñen.

Un modelo para o futuro

A pandemia vai supor cambios na atención á terceira idade, afirma Carlos Dosil. "As persoas maiores teñen que ser protagonistas. Hai que involucralas e escoitalas. A atención terá que ser personalizada e isto vainos obrigar a represar a arquitectura dos espazos, a necesidade de especialización e de recursos humanos. Exixirá máis investimento, pero é básico e crucial".

Lei de residencias e inspección eficaz

O colectivo de Traballadoras Residencias da Galiza reclama un novo modelo de atención á dependencia e á terceira idade, dotado de instrumentos legais e de recursos suficientes. "Estamos igual que antes da pandemia", defende Sonia Jalda. "Falta persoal, incúmprense as ratios, non se cobren licenzas  nin baixas nin permisos retribuídos. Nada. E está claro que este modelo non funciona". Jalda reivindica "transparencia" e unha lei de residencias que regule o sector. "Ademais, a Administración debe garantir o cumprimento dunhas ratios adecuadas, e antes, dunhas valoracións de dependencia apropiadas, pendentes desde hai un ano".