As residencias de estudantes da USC, a disposición do Sergas

Residencia de estudantes Fonseca (USC)

Representan máis de 400 camas, onde se poden realoxar enfermos leves.

O vicereitor de Planificación da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo, informou que poñen a disposición do Sergas as residencias de estudantes do Campus Vida, que suman 420 camas (30% das que ten o Complexo hospitalario universitario de Santiago).

As instalacións dos colexios Fonseca, Rodríguez Cadarso e Monte da Condesa pasarían así a estar a disposición para acoller enfermos ou tamén persoas maiores reubicadas desde residencias.

As estudantes que estaban nestas residencias foron realoxadas na residencia do Burgo das Nacións, que non se desbota que poida tamén posta no futuro a dispor do Sergas que a situación xerada polo coronavirus continúa a agravarse.

Os hospitais do sistema público de sanidade de Galiza suman 7.524 camas, ás que hai que engadir as 2.285 da sanidade privada. Desde a Xunta estanse a facer xestións para definir hoteis aptos e accesíbeis para asumir hospitalización en caso de ser necesario. “Xa temos contactado coas seis federacións de hostaleiros da Galiza para cotexar as dispoñibilidades dos estabelecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou o presidente galego esta quinta feira.