A residencia do Incio rexistra a cuarta vítima pola Covid-19

Residencia de maiores do Incio, xestionada pola Fundación San Rosendo, na que se detectou un foco da Covid-19 o 20 de agosto (Imaxe: Carlos Castro/Europa Press)
Un home de 93 eleva a catro as vítimas do gromo detectado na residencia de maiores do Incio

Nova vítima mortal, e xa van catro, relacionada co gromo detectado o pasado 19 de agosto coa residencia de maiores do Incio. Desta vez trátase dun varón de 93 que permanecía ingresado no Hospital Comarcal de Monforte por coronavirus.

A incidencia do virus neste centro, xestionado pola Fundación San Rosendo e intervido pola Xunta desde a semana pasada, é moi alta. Segundo os datos facilitados onte polo Sergas, 74% das persoas usuarias están contaxiadas (87 das 118 residentes) e alcanza os 26 casos no cadro de persoal.

Esta situación xera preocupación entre a veciñanza deste concello. De feito, a Consellaría de Sanidade xa decidiu activar un cribado entre a veciñanza para detectar contaxios alén dos muros da residencia de maiores.