Continúa por mar e aire a busca do mariñeiro desaparecido na costa cántabra

Un dos barcos que participan no operativo de rescate. (Foto: César Ortiz / Europa Press)
O barco estaba a pescar bocareu cando o home caeu á auga e puido enredarse nas redes, segundo a información transcendida.

A busca do tripulante do pesqueiro galego Novo Xoel desaparecido após caer ao mar a primeira hora desta terza feira, a unhas cinco millas ao norte de San Vicente de la Barquera (Cantabria), continúa esta cuarta feira por mar e aire —con tres helicópteros e un avión—, coordinada polo Centro de Salvamento Marítimo (CCS) de Santander.

Desde esta entidade precisan que, desde o inicio da procura, na mañá da terza, o operativo mantívose ininterrompidamente, pois os buques Alonso de Chaves, de Salvamento Marítimo, e o Esperanza de Mar, do Instituto Social da Mariña, ficaron toda a noite operativos na zona para tratar de localizar o pescador.

O pescador atopábase faenando a bordo do barco Novo Xoel, con base en Camariñas (Terra de Soneira) cando caeu á auga. O barco galego estaba a pescar bocareu fronte á costa e o tripulante desaparecido, cuxa identidade aínda non se deu a coñecer, puido caer á auga e enredarse nas redes.

Este home, de orixe peruana, levaba posto o chaleco salvavidas e roupa de auga, de acordo coa información facilitada desde o pesqueiro do que era tripulante. O barco deu aviso do ocorrido ás 7.40 horas ao Centro de Salvamento Marítimo de Santander, que mobilizou a embarcación Salvamar Deneb e o helicóptero Helimer 202.

Trátase do segundo accidente deste tipo rexistrado en Cantabria este mes de abril, despois de que o pasado día 3 naufragase o pesqueiro Vilaboa Un a seis millas da costa de Cabo Maior, en Santander, no que houbo tres mariñeiros falecidos, un dos cales aínda se atopa desaparecido. Os outros sete tripulantes puideron ser rescatados.

"Levamos unha xeira terríbel de accidentes no mar. O mar é moi complicado", dixo esta terza feira o presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla, sinalando o amplo dispositivo de procura posto en marcha para tentar localizar o pescador, algo que, porén, "non é fácil".