Rescatar a CRTVG, celebrar a diversidade e preservar o país

O persoal da CRTVG alerta do "secuestro" do que son vítimas a TVG e a Radio Galega e demanda o seu "rescate". (Iustración: Álex Rozados)
A xornalista Paula Castro prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

O pasado 5 de outubro o Comité Intercentros da CRTVG e representantes de preto de 40 organizacións sociais, políticas e sindicais comparecían en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación para este domingo, 6 de novembro, en Compostela, para denunciar o "secuestro" do que son vítimas a TVG e a Radio Galega e demandar o seu "rescate".

Comité e organizacións convocantes coincidían en denunciar como o Executivo galego, en mans do Partido Popular, utiliza os nosos medios públicos ao seu servizo e como a actual dirección da Corporación "antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo".

Trátase dunha denuncia que debería alarmar a toda a sociedade galega porque supón un flagrante incumprimento de principios que son básicos para calquera sistema democrático que se prece, como o dereito a comunicar e a recibir información veraz, o dereito de acceso a grupos sociais e políticos representativos e o propio pluralismo político.

Porén, unha denuncia tan grave –que, por outra banda vén incidir no que todos os Venres Negros, desde hai xa centos, denuncia o persoal da CRTVG– realizada pola representación conxunta do persoal dos nosos medios públicos e por preto de 40 organizacións sociais, políticas e sindicais de Galiza, non mereceu unha liña na prensa escrita en Galiza, agás a información publicada ao día seguinte por Nós Diario. 

Un só medio de comunicación, RNE, asistiu á citada rolda de prensa e, xunto a esta radio pública, só medios dixitais se fixeron eco, tanto da convocatoria de manifestación, como das razóns polas que se convoca.

O comité intercentros denuncia como o Executivo galego utiliza os medios públicos ao seu servizo e como a actual dirección "antepón os intereses do PP aos valores de carácter ético-político"

Sumábase así a mediática galega á mesma manipulación e censura que se denuncian na propia CRTVG confirmando o control informativo ao que o Goberno do PP somete ao conxunto de medios de comunicación en Galiza.
Un sometemento que non é gratuíto, porque anualmente estes medios de comunicación reciben cuantiosas sumas, en forma de subvencións e publicidade institucional, imprescindíbeis para a supervivencia da maioría deles nun contexto de crise como o que vén arrastrando a prensa escrita 
desde hai anos.

Un sometemento que, en todo caso, non semella colidir substancialmente coa súa liña editorial, claramente escorada á dereita e de costas á realidade do país que os le. Non hai máis que ver o uso, ou máis ben o non uso, que fan da nosa lingua nas súas páxinas ou a sospeitosa minimización, ou directamente ausencia, de informacións relativas ao vizoso panorama asociativo, cultural, político e sindical que actúa 
en Galiza. 

Unha mediática na que non hai oco para a crítica ao poder nin ao modelo económico porque, directamente, se elimina a quen diverxe do discurso oficial. Unha sorte de censura previa que, seguindo a máxima de que o que non se publica, non existe, impide ao conxunto da poboación coñecer ideas e opinións que contrasten ou cuestionen políticas que aspiran a que o propio país, como realidade, desapareza. 

Por iso son tan importantes as demandas das convocantes da mobilización deste domingo. Porque os medios privados, precisamente porque son privados, poden argüír que atenden á súa liña editorial, por máis que unha parte moi relevante da poboación considere que o que fan é manipular. Pero os medios públicos son nosos porque os pagamos entre todas e é nosa tamén a responsabilidade de exixir que atendan a criterios como os que se demandan con esta mobilización: imparcialidade, veracidade e pluralismo informativo "erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais". 

Unha CRTVG que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento; que promova e defenda a nosa identidade e a nosa lingua; que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación; que preste especial atención á programación dirixida á infancia e a mocidade e que, entre outras cuestións, cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente.

Por esa CRTVG, que presente e represente o país real cumprindo a normativa do sector audiovisual público galego en todos os seus aspectos, estamos todas as galegas chamadas a acompañar ás súas traballadoras e traballadores este domingo polas rúas de Compostela. A hixiene democrática do país ben o merece.