Rescatan a un home tras precipitarse por un barranco o coche que conducía en Covelo

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: 112).
O accidentado foi trasladado en ambulancia ao Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Un home tivo que ser rescatado esta quinta feira tras precipitarse por un barranco o coche que conducía no municipio de Covelo (A Paradanta). Segundo informaron desde o 112, os Bombeiros de Ponteareas, tras aseguraren o vehículo para evitar que se desprazase pola ladeira, axudaron a persoa para saír do seu interior, que foi evacuada polo persoal sanitario do 061.

Foron os propios efectivos do 061 quen, dez minutos antes das 1 horas, solicitaban axuda ao 112 para rescatar esta persoa, que estaba atrapada no interior do vehículo após precipitarse despois de saírse da vía na estrada EP-5103, entre os quilómetros 3 e 4, en Godóns. Tamén a esa hora, unha persoa particular contactaba cos xestores de emerxencias para informar deste accidente.

Ademais do persoal sanitario, até o lugar acudiron nada máis seren informados polo 112 os Bombeiros-GES de Ponteareas e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Vea, así como os axentes de Tráfico.

Así mesmo, foron informados os membros do GES de Ribadavia, aínda que, tras comunicar a súa saída, finalmente non foi precisa a súa intervención. O ferido, tras ser rescatado, foi trasladado nunha ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.