Rescatan unha condutora no Páramo após quedar o seu coche ao bordo dun desnivel

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Outro accidente de circulación deixou un home ferido na AP-9 ao seu paso por Fene.

Unha condutora foi rescatada á primeira hora da mañá desta sexta feira no termo municipal do Páramo (comarca de Sarria) ao quedar ao bordo dun desnivel logo de sufrir unha saída de vía cando circulaba pola estrada LU-4320, segundo informaron o CIAE 112-Galiza e a Garda Civil.

O sinistro tivo lugar ás 6.40 horas desta sexta feira no lugar de Armada, onde a muller perdeu o control do seu vehículo e saíu da estrada pola marxe esquerda. O coche quedou en perigo de caer por un desnivel, polo que os servizos de emerxencia tiveron que asegurar as condicións do vehículo para poder sacar con seguridade a única ocupante do mesmo.

Unha vez fóra do coche, os profesionais de Urxencias Sanitarias do 061 atenderon e trasladaron a condutora do coche sinistrado.

Condutor ferido en Fene

Outro accidente de circulación rexistrado ao amencer desta sexta feira deixou un home ferido na AP-9 ao seu paso por Fene. O sinistro produciuse ás 7 horas e tivo como implicados un camión que transportaba madeira e un turismo, cuxo condutor tivo que recibir asistencia sanitaria.

O tráfico na zona viuse afectado como consecuencia do incidente, xa que ambos os vehículos accidentados obstaculizaron o paso do resto de usuarios da vía.

Incendio nunha nave madeireira

Por outra parte, o servizo de bombeiros de Xinzo de Limia mantén baixo control o incendio declarado na mañá desta sexta feira nunha nave dun polígono industrial de Vilar de Santos (comarca da Limia) dedicada ao sector madeireiro. Diso informou o CIAE, que recibiu o aviso arredor das 8.15 horas a través da chamada dun operario que alertaba de que saía fume dunha das xanelas da nave.

Até o lugar mobilizáronse os bombeiros de Xinzo e axentes da Garda Civil, que colaboran nas tarefas de extinción dun lume que, polo momento, saldouse sen persoas afectadas.