Rescatan catro golfiños varados entre Boiro e Rianxo

(Foto: Concello de Rianxo)

Están en boas condicións.

Catro golfiños vararon esta quinta feira baixo a ponte da autovía do Barbanza en Taragoña, entre os concellos de Rianxo e Boiro.

Até alí se desprazaron efectivos da Policía Local, Brigada de Obras, Protección Civil e Confraría, xunto cunha técnica da Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), informa Concello de Rianxo. “Os catro exemplares, cruzaron boa parte da ría desde Palmeira e semellan estar en boas condicións á espera da maré alta para que facilite os movementos”.

Os catro exemplares cruzaron boa parte da ría desde Palmeira

2019 deixou 475 varamentos de mamíferos mariños na costa galega. A maior parte dos varamentos na costa galega son de golfiños, aínda que entre os meses de decembro e marzo non é raro que se produza o dalgún exemplar de león mariño. "Chegan do norte de Europa. Durante esta época advertimos á veciñanza de que non pasee os cans soltos polas praias", afirmaba o biólogo Alfredo López.

Só 10% dos animais mariños que fican pendurados na costa galega son atendidos con vida. A Cemma traslada ás tartarugas pequenas e aos leóns mariños durante quince días a unha unidade de coidados intensivos; instalacións temporais e desmontábeis. A partir de aí, cando xa precisan desenvolverse nunha piscina, son derivados o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, en Arousa.