Rescatados os tres tripulantes dun pesqueiro que afundiu a cinco millas de Punta Candieira

Foto de arquivo dunha operación de rescate. (Foto: Salvamento Marítimo)
Os mariñeiros do 'Paz Segundo' foron trasladados ao porto de Cedeira.

A embarcación Shaula de Salvamento Marítimo rescatou en perfecto estado de saúde os tres tripulantes dun pesqueiro que afundiu esta cuarta feira a cinco millas ao norte de Punta Candieira, en Cedeira.

Segundo informan a Europa Press fontes de Salvamento, a alerta dábaa contra as 10.36 da mañá a tripulación do barco naufragado, Paz Segundo, ao centro de Fisterra, que coordinou o operativo.

Seguidamente, foi mobilizada a Shaula, que localizou e recolleu os tres tripulantes nunha balsa salvavidas contra as 11.30 horas, para posteriormente levalos até o porto de Cedeira.

Ademais, o helicóptero Pesca 2, de Gardacostas da Galiza, realizou un recoñecemento aéreo da zona do afundimento, sen apreciar nin restos do pesqueiro nin indicios de contaminación na zona, segundo confirman as mesmas fontes de Salvamento.