14 inmigrantes morren cada día

Rescatadas 8.500 persoas que tentaban cruzar o Mediterráneo

Caiuco con migrantes no Mediterráneo_Imaxe ACNUR

A ONU lembra que morren 14 persoas cada día intentando chegar a Europa a través desa vía. Os primeiros meses do ano indican que no 2017 poden baterse todos os rexistros tráxicos. A pasada fin de semana, 8.500 inmigrantes foron rescatadas cando tentaban alcanzar a costa italiana.

En apenas tres días a Garda costeira italiana rescatou 8.500 inmigrantes no Mediterráneo central. Foi esta fin de semana e mediante operativos desenvolvidos día e noite. Entre a sexta feira, o sábado e domingo, 8.500 persoas rescatadas, unha cifra que non se rexistraba fóra dos meses de verán. O sábado foi o día de maior actividade, con 4.500 persoas ás que se salvou. Houbo, ademais, 9 persoas que faleceron, se ben esta cifra é provisional.  No que vai de mes de abril a garda costeira rescatou 15.000 persoas. Nesta mesma altura de abril de 2015 eran 9.000. Máis un dato que indica que neste 2017 poden superarse os rexistros dos anos anteriores, xa de por si altos.

A Garda costeira é responsábel dunha extensión de mar duns 500.000 quilómetros cadrados, máis que o territorio terrestre italiano. No primeiro trimestre de 2017 rescataron 24.000 persoas. Nese mesmo trimestre de 2016 foran 18.000 e hai dous anos, 10.000. O fluxo de persoas desde o norte de África, nomeadamente Libia, cara Europa está a aumentar a un ritmo de vertixe.

En 2016 faleceron 5.000 persoas tentando cruzar o Mediterráneo (en 2015 foran 3.522)

En 2016 foron rescatadas 180.000 persoas no Mediterráneo, das cales 24.900 eran menores de idade que non ían acompañados, un colectivo que está en aumento. Decorreron nese ano 1.400 operacións de salvamento no Mediterráneo central. Faleceron 5.000 persoas (en 2015 foran 3.522). A propia ONU alertou de que catorce persoas perdían a vida cada día intentando cruzar o Mediterráneo. Unha cifra que pode superarse neste 2017.

Como alertan desde os servizos de resgate e as ONGs, as embarcacións nas que intentan cruzar o Mediterráneo son cada vez máis precarias (lanchas pneumáticas) e veñen máis saturadas, aumentando os riscos. Entre xaneiro e mediados de febreiro, segundo a Organización Internacional para a Migración, morreron 366 persoas tentando chegar a Europa a través do Mediterráneo.