Mar

Rescatados 15 golfiños na ría de Ferrol que corrían o risco de varar na enseada da Malata

Un dos golfiños rescatados, a bordo dunha zodiac. (Foto: Concello de Ferrol)
Dous adultos e unha cría non eran capaces de seguir ao grupo e regresaban á enseada, polo que o dispositivo despregado optou por subilos ás zodiacs.

Membros de Protección Civil de Ferrol e da Unidade de Medio Ambiente (UMA) axudaron esta segunda feira a saír da ría de Ferrol a un grupo de quince golfiños que corrían o risco de quedar varados na enseada da Malata. Segundo precisou o Concello, contra as 10 horas a agrupación de Protección Civil foi avisada polo 112 tras recibir a chamada dun particular na que informaba de varios golfiños comúns que tiñan dificultades para saír dunha zona que se atopa entre A Malata e as instalacións náuticas da Cabana.

Os efectivos de Protección Civil e da UMA lograron conducir doce dos quince golfiños cara ao exterior da ría. Os outros tres, dous adultos e unha cría, con todo, non eran capaces de seguir ao grupo e regresaban á enseada, polo que o dispositivo despregado optou por subilos ás zodiacs para soltalos na zona de Cabo Prioriño, no exterior da ría.

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) informa de que o golfiño común é unha especie de cetáceo que vive en augas máis profundas, se ben desde hai un tempo está a entrar nas rías galegas en busca de comida, perseguindo en moitas ocasións grandes bancos de peixes.

Ás veces achéganse tanto a terra que teñen dificultades para volver saír. A Cemma recomenda, tal e como lembrou o Concello de Ferrol, que sempre que se avisten este tipo de cetáceos se dea aviso ao 112 ou a Protección Civil para poder axudalos.

O Concello apunta que a semana pasada avistáronse varios exemplares nas praias de Cariño e Doniños e sinala que é probábel que os que se viron esta tarde en Seselle (ría de Ares) pertenzan ao grupo desta mañá.