Requisadas 5410 máscaras de protección no aeroporto de Compostela

Material de protección requisado (Guardia Civil).
A Policía española realizou un total de 73 detencións no Estado por non respectar as restricións do estado de alarma.

O director adxunto operativo da Garda Civil, o tenente xeneral Laurentino Ceña, informou esta cuarta feira da requisa de máis de 69.000 máscaras de protección en todo o Estado, 5.000 lentes protectoras e outros materiais como luvas, que pasaron ao dispor das autoridades sanitarias segundo o disposto no real decreto do estado de alarma. 

A Garda Civil precisou nun comunicado que se requisaron un total de 68.913 máscaras no Estado, 5.053 lentes e 5.816 luvas que serán postos de inmediato ao dispor das autoridades sanitarias.

A maioría destas requisas tiveron lugar en aeroportos como o de Lavacolla en Compostela, Barajas en Madrid ou o de Gran Canaria. A máis importante tivo lugar na capital estatal, onde se requisaron 44.000 máscaras de protección.

No aeroporto de Compostela as autoridades fixéronse cun total de 5.410 máscaras. E en territorios como Zuera, en Zaragoza, a Garda Civil tivo que paralizar unha poxa de máscaras que ía celebrarse "de maneira silenciosa entre hoxe e mañá a través de internet", segundo trasladaron esta cuarta feira. 

Restriccións de mobilidade

Por outra banda, a Policía Nacional realizou un total de 73 detencións por non respectar as restricións do estado de alarma que entrou en vigor o pasado domingo en todo o Estado e a Garda Civil informou doutros 15 arrestos, segundo sinalaron os máximos xefes operativos de ambos os Corpos nunha rolda de prensa desde A Moncloa. 

O director adxunto operativo da Policía, o comisario principal José Ángel González, falou de "normalidade absoluta" no que se refire á colaboración cidadá e enmarcou as 73 detencións nos núcleos urbanos e outras zonas de competencia  naqueles cidadáns que actuaron con "irresponsabilidade e insolidariedade", con risco de poder estender o contaxio do coronavirus.

Os cidadáns que non cumpran as restricións pódense enfrontar a multas reguladas pola Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como 'lei  mordaza', e tamén en casos extremos a penas de prisión en aplicación do Código Penal.