Repunta de novos contaxios, aumento de casos activos e alivio da presión hospitalaria

Un sanitario realiza un test PCR (Foto: Europa Press)
A taxa de positividade ascende a un 2,8% mais segue por baixo do limiar de 5% fixado pola OMS. 

Os novos contaxios de Covid-19 subiron a 196, mentres que a presión hospitalaria aliviou ao descender en 13 os pacientes ingresados por este coronavirus até os 207, e os casos activos aumentaron lixeiramente de novo a 3.048.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas desta terza feira, descenderon a 44 os pacientes hospitalizados en UCI -dous menos- e a 163 os que permanecen noutras unidades -11 menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Ourense, Vigo, Lugo, Pontevedra-O Salnés e Ferrol, mentres que se mantén na de Santiago-Barbanza e na da Coruña-Cee.

En canto aos casos activos de Covid-19, despois do lixeiro descenso do inicio desta semana, volven subir por segunda xornada consecutiva até os 3.048, que supoñen 26 máis, ao haber máis contaxios (196) que curados (169), ao que hai que sumar unha persona falecida.

No entanto, as infeccións activas descenden nas áreas sanitarias de Ferrol (-16) e Ourense (-10), mentres que aumentan nas de Pontevedra e O Salnés (+20), Vigo (+12), Lugo (+11) e A Coruña e Cee (+9), mentres que se manteñen na de Santiago e Barbanza.

Pola súa banda, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba aumentaron a 196, após comezar a semana con 159 e caer a 127 esta terza feira, polo que supoñen 69 máis que a xornada anterior.

Galiza detectou 174 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, 73 máis que o día pasado, dos que 49 corresponden á área de Vigo; 42, á da Coruña e Cee; 35, á de Pontevedra e O Salnés; 17, á de Lugo; 13, á de Santiago e Barbanza; outros 13, á de Ourense; e cinco, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizado- sitúase en 2,8%, após descender a un 1% o día anterior e situarse nun 1,8% no inicio desta semana, polo que segue sen superar o 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio desta pandemia faleceron na Galiza 2.385 persoas diagnosticadas de Covid-19 após notificar Sanidade esta terza feira unha nova vítima mortal.