Repuntan a 138 os contaxios e aumentan levemente as hospitalizacións

Unha mostra dunha PCR. (Foto: Nós Diario)

Os casos activos da Covid-19 rexistraron un descenso na Galiza, até os 2.340, mais repuntan os novos contaxios, 138 máis que a xornada anterior, segundo os datos actualizados na mañá da quinta feira pola Consellaría de Sanidade. Por outra banda, aumentan lixeiramente os pacientes ingresados, un total de 199, dos que 28 están en UCI -dous menos- e 171 noutras unidades, catro máis.

De acordo cos últimos datos achegados por Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, hai 14 casos activos menos fronte á xornada anterior, mentres que aumentan os pacientes curados, 152 máis respecto á terza.

A Coruña e Vigo mantéñense como as áreas que rexistran máis casos activos, 783 e 627 respectivamente; seguida de Santiago, con 270; Pontevedra con 229; Lugo, con 169; Ourense con 142 e Ferrol, con 120.

Hospitalizacións

Na da Coruña e Cee están 14 pacientes Covid en UCI -un menos- e mantéñense en 57 os que se atopan noutras unidades; na de Santiago e Barbanza son tres en críticos -un máis- e soben a 17 os que están noutras unidades -dous máis- mentres que na de Lugo hai dúas en UCI -sen cambios- e 10 noutras unidades -sen cambios-.

Na de Ourense hai un paciente Covid en UCI -un menos- e baixan a 17 as persoas ingresadas noutras unidades -un menos-; mentres que na de Vigo mantéñense en cinco os críticos e aumentan os hospitalizados, de 39 a 43.

En canto á área de Pontevedra e O Salnés, hai un paciente en UCI -un menos- e soben a 21 os doutras unidades -tres máis-; mentres que na de Ferrol son seis persoas en unidades de hospitalización convencional con Covid -catro menos- e hai dous en UCI -sen cambios-.

Menos casos activos

Segundo os datos actualizados na quinta feira, os casos activos de Covid descenden lixeiramente, ao pasar de 2.354 a 2.340 -14 menos-, cun incremento dos curados (152 máis), aínda que tamén cun aumento dos contaxios (138 máis).

Os casos activos mantéñense igual, respecto dos datos achegados en relación á terza feira, na área sanitaria de Lugo, con 169, mentres aumentan nas de Santiago, pasando de 268 a 270, e na de Vigo que pasa de 619 a 627. Pola contra, descenden na da Coruña, onde pasa dos 791, contabilizados segundo datos aos 783 do mércores; na de Ferrol, de 131 a 120; a de Ourense, de 145 a 142 e a de Pontevedra de 231 a 229.

Taxa de positividade

Dos novos contaxios, 120 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, dos que 35 corresponden á área da Coruña; tres á de Ferrol; nove á de Lugo; cinco á de Ourense; 17 á de Pontevedra e O Salnés, 12 á de Santiago e Barbanza e 39 á de Vigo.

Até a data da última actualización de datos, o Sergas  levou a cabo 1.858.417 PCR, que supoñen 6.531 probas máis que a xornada anterior. No relativo á taxa de positividade baixou a un 1,5 após ter repuntado a un 3%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.342 persoas diagnosticadas co coronavirus, após unha xornada da cuarta feira sen mortes.