Repuntan a 214 os contaxios de Covid na Galiza, a cifra máis alta desde o verán

Espazo para a vacinación masiva en Vigo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Os casos activos sitúanse en 1.540 e son 60 os ingresados.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan a 214 en Galiza, que encadea desde o 10 de novembro unha semana con máis dun cento diario, o que eleva os casos activos a 1.540 -que supoñen 696 máis que sete días atrás- e a 60 os hospitalizados por este coronavirus -catro máis-. 

Segundo os datos publicados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, increméntanse a 11 as persoas ingresadas en UCI pola Covid en toda Galiza -unha máis- e a 49 as hospitalizadas noutras unidades -tres máis-, mentres que 1.480 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en catro de sete: Vigo, Ourense, Santiago-Barbanza e Pontevedra-O Salnés; alíviase nas da Coruña-Cee e Ferrol; e mantense sen cambios en Lugo.

Os casos activos manteñen a tendencia ascendente desde hai 17 xornadas consecutivas e aumentan a 1.540, que supoñen 173 máis que o día anterior, ao haber de novo máis contaxios (214) que altas (40), ao que se suma un falecemento. Fronte á cuarta feira anterior -10 de novembro- hai 696 infeccións máis que as 844 rexistradas hai unha semana.

Galiza conta cunha taxa a 14 días de 53,26 casos por 100.000 habitantes

As infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias galegas, coa Vigo á cabeza (+50), seguida da de Ourense (+43), A Coruña e Cee (+24), Lugo (+19), Santiago e Barbanza (+14), Ferrol (+13) e Pontevedra e O Salnés (+10).

Segundo os datos actualizados na tarde desta terza feira pasado polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 53,26 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 47,82 da segunda feira, mentres que a media do Estado é en 88,65.

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense desde hai unha semana por riba do cento e repuntan a 214 -non se superaban os 200 desde o verán pasado-, que supoñen 92 máis que os 122 da terza feria após situarse en 136 esta segunda. A cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14.

Os 214 positivos foron confirmados por Proba Diagnóstica de Infección Activa nas últimas 24 horas, deles 53 na área de Ourense, 52 na de Vigo, 36 na da Coruña e Cee, 26 na de Lugo, 21 na de Santiago e Barbanza, 13 na de Pontevedra e O Salnés e 13 na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, repunta a un 5,21%, tras descender ao 2,43% a terza feira, despois de comezar esta semana co 3,93%. Deste modo, supera o limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en Galicia ascenden a 2.659, despois de notificar esta terza feira a Consellaría de Sanidade un novo morto.