Repunta a presión en UCI a 78 pacientes e os novos casos sobren até 277

Proba Covid. (Foto: Europa Press)
Os casos activos seguen na tendencia á baixa, até 2.854, pero medran lixeiramente nas áreas de Compostela, Lugo e Ferrol. Estas dúas últimas superan o limiar de 5% na taxa de positividade que marca a OMS para considerar controlada a pandemia. 

A Galiza experimentou nas últimas 24 horas un aumento de cinco pacientes de Covid-19 nas unidades de coidados intensivos (UCI), que se sitúan en 78. Ao tempo, as hospitalizadas en planta baixaron en 12, o que fixo descender a cifra xeral de ingresadas a 323.

De igual modo, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) notifica este sábado, con cifras actualizadas ás 18 horas da sexta feira, un total de 277 novos casos detectados por calquera tipo de probas.

Isto implica un aumento de máis dun cento a respecto dos 167 do día anterior, cando ademais a semana comezou con 88 contaxios. Cómpre lembrar a detección de brotes cunha trintena de casos nunha residencia de Silleda, na área sanitaria de Santiago-Barbanza, e con 23 casos nun colexio de Ferrol.

No que atinxe a presión hospitalaria, a tendencia xeral, a pesar do repunte na UCI, continúa á baixa. Isto reflectiuse nas áreas de Santiago-Barbanza, con 39 ingresadas, aínda que subiu nun, até oito, os enfermas críticas; en Pontevedra-O Salnés, con 26 hospitalizadas (tres menos), pero oito en coidados intensivos (un máis); e en Ourense-Verín-O Barco, con 21 ingresadas en total (tres menos), catro delas en UCI (sen variacións).

Fronte a estas, as áreas de Vigo e Lugo-A Mariña-Monforte sufriron un ascenso da presión hospitalaria. Na viguesa, son 60 pacientes ingresados (tres máis), dos que 17 están críticos (un máis1); e na luguesa son 25 os hospitalizados (tres máis), seis deles en UCI (igual).

Mentres tanto, a área sanitaria da Coruña-Cee non rexistrou variacións, con 120 pacientes nos hospitais, aínda que si repuntaron até 26 as que están en coidados intensivos (un máis). Tampouco houbo cambios na de Ferrol, con 32 persoas ingresadas, nove (un máis) críticas.

Detección de casos

En canto á detección de casos, todas as áreas sanitarias sufriron un repunte. A de Santiago-Barbanza é a máis golpeada nas últimas horas ao sumar 97 infeccións. Séguelle a da Coruña-Cee, onde se notificaron outros 70 casos.

Do resto, sofren lixeiras subidas ou mantéñense: Vigo rexistra 34 novos positivos; Ferrol e Lugo-A Mariña-Monforte, 24 cada unha; Pontevedra-O Salnés, 17; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, 11. Polo tanto, as persoas contaxiadas na Galiza ascenden a 114.643 desde o inicio da pandemia.

Repunta da taxa de positividade

A taxa de positividade repuntou até 3,3% nun día, tras situarse en 2,4% nos datos da sexta feira. Por áreas sanitarias, hai dúas que superan o limiar de 5% marcado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia, Ferrol (6,3%) e Compostela (5,9%).

Casos activos

No entanto, segundo os últimos datos actualizados este sábado, a Galiza volveu descender no número de casos activos de Covid-19, ao situarse en 2.854, case 80 menos que o día anterior. Este parámetro continúa diminuíndo en catro das sete áreas sanitarias galegas: A Coruña-Cee, Vigo, Pontevedra-O Salnés e Ourense-Verín-O Barco. Porén, Santiago-Barbanza, Ferrol e Lugo-A Mariña-Monforte rexistran unha lixeira tendencia á alza.