Repunta nos pacientes hospitalizados por Covid e leve descenso nos contaxios rexistrados

Os casos activos ascenden a 12.889.

Os novos contaxios de Covid-19 freáronse lixeiramente e descenden a 1.092 en Galiza, o que supón 73 menos que a xornada anterior, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus repuntan a 174, que representan 25 máis que o día pasado. Pola súa banda, os casos activos ascenden a 12.889, o dobre de hai unha semana, e a taxa de positividade redúcese lixeiramente a un 9%.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da terza feira, recollidos por Europa Press, aumentan a 153 as persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19, que supoñen 25 máis que na xornada anterior, e mantéñense en 21 as que se atopan en UCI. Pola súa banda, 12.715 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en seis das sete e soamente se mantén na de Ferrol, onde baixan a 2 os pacientes en UCI, un menos, e soben a 11 os que permanecen noutras unidades, un máis.

Os casos activos de Covid-19 ascenden por vixésimo oitava xornada consecutiva até os 12.889, que representan 852 máis que o día anterior, ao haber de novo máis contaxios (1.092) que altas (240). Con respecto a hai sete días, as infeccións activas supoñen o dobre, xa que o pasado 14 de xullo había 6.298.

Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas, de maneira máis acusada na de Vigo (+202); seguida da de Pontevedra e O Salnés (+157); Santiago e Barbanza (+125); A Coruña e Cee (+120); Lugo (+102); Ourense (+95); e Ferrol (+51).

No relativo aos novos contaxios de Covid-19, superaron de novo por segunda xornada seguida o milleiro ao rexistrarse 1.092, o que implica 73 menos que o día pasado, após iniciarse esta semana con 975.

No conxunto da Galiza foron confirmados 1.151 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 143 máis que o día anterior, dos cales 260 corresponden á área de Vigo; 227, á de Pontevedra e O Salnés; 188, á da Coruña e Cee; 151, á de Santiago e Barbanza; 138, á de Ourense; 128, á de Lugo; e 59 á de Ferrol.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.443 ao non notificar Sanidade ningunha vítima esta terza feira.