Repunta de novos contaxios e casos activos

Unha muller participa nun dispositivo de cribado masivo para detectar casos positivos de coronavirus (Rosa Veiga - Europa Press).

Baixan a 209 os pacientes Covid ingresados.

A presión hospitalaria experimentou un descenso con respecto á xornada anterior, con 10 pacientes Covid menos ingresados na Galiza a pesar de atoparse un máis en UCI, polo que hai 209 persoas coa infección hospitalizadas, mentres que os novos contaxios subiron a 139 e os casos activos, a 2.211.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, 33 pacientes Covid atópanse en UCI, un máis que a xornada anterior, e 176 noutras unidades de hospitalización, 11 menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en tres delas -Vigo, A Coruña-Cee e Ourense-; sobe en dúas -Santiago-Barbanza e Pontevedra-Salnés-, mentres que se mantén nas de Ferrol e Lugo.

Os casos activos de Covid-19 aumentaron lixeiramente, até os 2.211, o que supón 37 máis, e mantéñense en cifras do inicio da segunda quincena de agosto. Por áreas, descenden en dúas -A Coruña e Cee (-10) e Ourense (-5)-; mentres que aumentan nas outras cinco -Santiago-Barbanza (+18), Vigo (+21), Lugo (+6), Pontevedra-O Salnés (+5) e Ferrol (+2)-.

En canto os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba subiron a 139, tras os 112 da segunda feira, unha vez pasadas as xornadas festivas de Semana Santa.

Dos novos contaxios, 116 son positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas en Galicia, dos que 36 corresponden á área de Vigo; 22 á de Santiago e Barbanza; 21, á da Coruña e Cee; 19, á de Pontevedra e O Salnés; sete, á de Ourense; seis, á de Lugo; e cinco, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade, tras subir a un 4% no inicio da semana, descendeu a un 2% esta terza feira, polo que se mantén por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza rexistrou o falecemento de 2.357 persoas diagnosticadas de Covid-19, após notificar Sanidade esta segunda feira a morte doutras cinco, que presentaban patoloxías previas.