Repunta de hospitalizados pola Covid malia o descenso en contaxios e casos activos

(Foto: Europa Press)

Os pacientes nas UCI galegas por coronavirus tamén baixan.

O número de persoas hospitalizadas na Galiza con Covid-19 aumentou levemente nas últimas horas e pasou de 406 a 412, aínda que son menos os pacientes que requiren coidados intensivos (baixan de 64 a 60), segundo os datos que publica esta segunda feira a Consellería de Sanidade actualizados a este domingo, ás 18:00 horas.

Así, a área con máis persoas ingresadas segue sendo a da Coruña e Cee, que ten 120 pacientes con Covid nos seus centros hospitalarios. Deles, baixou nun o número de casos en coidados críticos, até os 22, e subiu na mesma cifra o total de persoas en unidades de hospitalización convencional, até 98.

Na área de Vigo hai 77 persoas hospitalizadas, das que 11 están na UCI (unha menos); mentres que na área de Pontevedra e O Salnés hai 53 pacientes de Covid nos hospitais: 9 están en Coidados Intensivos (os mesmos que 24 horas antes) e 44 en unidades convencionais (dúas máis).

Na área de Santiago e Barbanza houbo un leve aumento de persoas hospitalizadas. Na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 44 persoas con covid-19 nos diferentes hospitais, das que 5 seguen na UCI (as mesmas que o día anterior) e 39 están en unidades convencionais (dúas máis).

En Ferrol o número de ingresados subiu a 36, aínda que hai dous pacientes menos en unidades de críticos. Así, os casos en UCI baixaron de 6 a 8, pero aumentaron de 27 a 30 os pacientes en 'planta'.

Finalmente, na área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, mantense unha persona na UCI, mentres que baixan de 31 a 30 os pacientes ingresados en unidades convecionales de hospitalización.

Máis aló dos ingresados, Galiza sumou en 24 horas outros 260 positivos por Covid-19, unha baixada de 17 con respecto ao día anterior. No entanto, cabe destacar que se produciu unha caída de máis de 1.300 no número de PCR realizadas nun día, até as 5.364.

Pola súa banda, a taxa de positividade experimentou este domingo unha lixeira suba até o 5%, precisamente o límite establecido pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

No que respecta aos casos activos en toda Galiza -é dicir, a cifra de persoas diagnosticadas da enfermidade-, mantén a súa tendencia á baixa e esta segunda feira conta con 6.644 pacientes.

Este descenso sostido rexístrase en todas as áreas sanitarias agás na de Santiago-Barbanza, que experimentou unha suba de 11 casos activos, até os 795.

A cifra de mortos que deixa a pandemia na Galiza continúa en aumento e ascende xa a 1.257 despois de que a Consellería notificase sete falecementos nas últimas horas, tres deles relacionadas con residencias de maiores.