Repunta dos contaxios de Covid a 59 e soben os casos activos até os 473

Dous homes abandonan unha terraza da Rua da Raiña de Santiago, o día en que o TSXG declara nula a petición de certificado Covid para entrar en hostelería.
Aumentan a 24 os pacientes hospitalizados por este coronavirus 

Galza chega ao ecuador desta semana cunha repunta de novos contaxios de Covid-19 a 59, o que supón 16 máis que o día anterior, e unha nova suba dos casos activos, que se sitúan en 473 -implica 23 mái--, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus increméntanse a 24 -un máis-. 

Segundo os datos publicados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta terza feira, baixan a cinco as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -unha menos- e ascenden a 19 as que se atopan noutras unidades convencionais -dúas máis-; mentres que 449 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas de Vigo e Lugo e alíviase na da Coruña e Cee, mentres que se mantén sen cambios nas de Ourense, Pontevedra e O Salnés, Ferrol e Santiago e Barbanza.

Os casos activos de Covid aumentan por cuarta xornada consecutiva no conxunto da Galiza e sitúanse en 473, que supoñen 23 máis, ao haber máis contaxios (59) que altas (35), ao que se suma unha nova vítima mortal. As infeccións activas aumentan en seis do sete áreas sanitarias galegas: Ourense (+10), A Coruña e Cee (+8), Pontevedra e O Salnés (+7), Lugo (+6), Ferrol (+3) e Vigo (+2), mentres que se reducen na de Santiago e Barbanza (-13).

Segundo os datos actualizados na tarde desta terza feira polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada de Galiza a 14 días aumenta lixeiramente a 14,95 casos por 100.000 habitantes.

Os novos contaxios de Covid-19 soben de novo, até os 59, que representan 16 máis que os 43 da xornada anterior e máis do dobre que os 24 do inicio desta semana. O 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- descende a un 1,96%, após aumentar ao 2,17% a xornada anterior, despois de arrincar esta semana cun 1,06%. Por iso, segue por baixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o comezo desta pandemia na Galiza ascenden a 2.651, ao notificar esta terza feira a Consellaría de Sanidade un novo óbito, un home de 81 anos que tiña patoloxías previas e morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU).