Repunta de contaxios: 501 en 24 horas

Tratamento de probas PCR (Foto:Europa Press)

Os casos detectados soben en todas as áreas sanitarias agás na de Ferrol.

Galiza notificou 501 positivos por coronavirus en 24 horas, o que implica unha suba de case un cento de casos con respecto aos 409 detectados hai un día. Con todo, os casos activos descenden lixeiramente -9 menos que na xornada anterior- e sitúanse en 9.051.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade, con cifras até as 18:00 horas desta terza feira, e que detallan que o maior número de contaxios produciuse na área sanitaria da Coruña con 122 novos contaxios -59 máis que o día anterior-.

A de Vigo é a segunda área sanitaria que máis positivos rexistrou por PCR nas últimas 24 horas, con 108 -11 máis que o día anterior-.

Pola súa banda, na de Pontevedra e O Salnés detectáronse 88 -21 máis-; 69 na de Lugo -14 máis-; 60 na de Santiago e Barbanza -19-, 33 na de Ourense -7 máis- e 21 na de Ferrol -18 menos-.

En canto aos casos activos, soben nas áreas da Coruña até os 1.879 -44 máis-; na de Lugo, con 1.100 -29 máis-; e na de Pontevedra, con 1.254 -41 máis-.

Pola súa banda, descenden na de Ferrol, onde se sitúan en 749 -28 menos-; os mesmos que na de Ourense, que pasa a 749 após experimentar un descenso de 32. Ademais, tamén baixan na de Santiago, na que hai 1.006 casos activos -30 menos-: e na de Vigo, con 2.317 -30 menos-.

En canto ás probas realizadas, as PCR feitas ascenden a 819.277 desde o inicio da pandemia, o que implica 7.336 máis que na terza feira

Pola súa banda, os contaxios desde o inicio da pandemia na Galiza sitúanse en 46.728.

Até a data, as vítimas mortais con coronavirus elévanse a 1.092, despois de que as autoridades sanitarias notificasen seis novos falecementos na xornada da terza feira.