"Querémonos vivas e libres!": repulsa unánime da violencia machista e da institucional

Concentración decorrida onte na Coruña en repulsa do asasinato dunha muller en Ribeira. (Foto: I. T.)
O feminismo galego mobilízase contra o feminicidio de Ribeira

"Querémonos vivas e libres!". A resposta do feminismo galego tras o asasinato dunha muller na parroquia de Palmeira, en Ribeira (O Barbanza), a pasada terza feira, foi unánime.

Perto dunha trintena de vilas e cidades galegas acolleron esta quinta feira senllas mobilizacións contra o primeiro feminicidio acontecido na Galiza no que vai de ano, segundo datos oficiais, un asasinato machista no que un home acabou coa vida da súa ex parella, nai dunha crianza de dous anos.

Complicidade institucional

A Marcha Mundial das Mulleres mobilizou centos de persoas en repulsa da violencia machista por todo o país, desde unha posición moi crítica coas institucións e os organismos do Estado encargados de velar pola protección e os dereitos das mulleres.

"Ningunha das políticas que se desenvolven desde a Xunta e o Estado, ningunha das leis que se promoven foi suficiente para que hoxe non esteamos aquí", clamaron durante a lectura do manifesto que fechou as concentracións.

"Non queremos minutos de silencio nin loito, queremos xustiza. Queremos acabar coas políticas criminais que poñen fin ás nosas vidas. Exiximos que a lei sexa efectiva, recursos suficientes para abordar este problema e un compromiso real por acabar co terrorismo machista", engadiron.

Neste sentido, o feminismo galego reclamou na rúa que a Xustiza deixe de servir ao patriarcado: de liberar "violadores por teren cartos", de ditar sentenzas contra mulleres que sofren violencia e de ignorar algunhas delas. "Somos e seremos o berro das que non teñen voz", afirmaron. A de Andrea Yturry, a muller asasinada en Ribeira, pero tamén a de Nerea Añel, quen fica fóra das estatísticas após quedar impune o único procesado, o seu mozo, lembrou a Marcha. "A pasividade institucional é cómplice da violencia machista", concluíu.

Esta quinta feira, tamén as corporacións municipais de Pontevedra e Ferrol rexeitaron o crime machista de Ribeira cun minuto de silencio.