Repulsa contra as agresións sufridas na Coruña pol@s participantes nun acto LGTB

Mobilización LGTB

Socialistas e nacionalistas denuncian que unha bicada contra a violencia foi atacada por un grupo homófobo que piden que sexa identificado e sancionado.

 

PSOE e BNG amosaron a súa repulsa ás agresións homófobas que sufriron o venres @s participantes na 'Bicada contra a violencia' convocada polo colectivo ALAS Coruña para denunciar os últimos casos de discriminación sufridos polo colectivo LGTB (Lesbianas, gais, transexuais).

A secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, trasladou a “absoluta condena e repulsa” dos socialistas contra os ataques “homófobos e intolerantes”. A socialista reclama ademais “que os responsables destes actos repugnantes sexan identificados polas forzas da orde e se lles aplique a lei”, despois de lanzar ovos aos participantes nun acto “contra a violencia e a intolerancia” no que “se desmostrou unha vez máis a necesidade de seguir a defender a ultranza a igualdade fronte a persoas que non son dignas de pertencer a unha sociedade democrática e civilizada”.

Galiza Nova pide "a implicación de gobernos e sociedade para erradicar comportamentos discriminatorios"

Así mesmo, nunha nota pública, as mocidades do BNG, Galiza Nova, amosaou “a nosa máis contundente repulsa ao acontecido” e exixius “ás autoridades coruñesas que identifiquen as persoas implicadas nesta agresión. Ademais, demandamos a implicación da sociedade, das institucións e dos gobernos de Galiza para comezar a traballar, dunha vez e por todas, na erradicación de comportamentos discriminatorios e vexatorios quer por razón de xénero, sexo, clase social, raza ou identidade sexual”.