A reprogramación de cirurxías expándese por toda a rede hospitalaria galega

Un traballador no entorno do HULA. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O xefe de departamento do Hospital Lucus Augusti recoñece que a pandemia xa está a afectar. Hai xa días que sucedeu o mesmo nos complexos da Coruña, Compostela e Ferrol.

O responsábel da área cirúrxica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) confirmou hoxe que xa están a "reprogramar" algunhas operacións debido á situación na que vai evolucionando a pandemia. Con esta decisión, esténdese o criterio de adiar intervencións que non revisten urxencia na rede hospitalaria do país.

Hai algúns días desde o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) concretaban que se estaban a asumir todas as cirurxías de urxencia ou por doenzas graves ao tempo que se cambiaban as datas para outras nas que non se pon en risco o benestar das e dos pacientes. A mesma situación correron algunhas citas no Clínico de Compostela e no hospital de Ferrol.

Esta sexta feira foi o responsábel de cirurxía do centro sanitario lucense, Pepe Conde, quen recoñeceu que a necesidade de facer estes cambios xa chegou tamén alí dada a evolución epidemiolóxica. De feito, o HULA xa recibiu a infectadas polo virus procedentes da comarca de Ferrol.

Conde concretou que o obxectivo desta medida é "non meter no quirófano a pacientes que poidan requirir unidades de reanimación".

O tamén presidente da Sociedade Galega de Cirurxía, explicou que o servizo que dirixe estase a "amoldar" ao contexto, apostando máis na "cirurxía ambulatoria". É dicir, aquela que permite que as e os doentes marchen para a casa no postoperatorio.

"Estamos a reprogramar pero non demasiado", di, pois é preciso "deixar camas libres en reanimación polo que poida suceder".

Política específica

O facultativo do HULA afirmou que, neste caso concreto de Lugo, si están a modificar as datas de intevencións por tumores graves a pacientes "que poidan ter ou preverse unha complicación post operatoria nunha porcentaxe alta" á espera de que pase o pico de contaxios da terceira onda da Covid-19.

Por contra, sí saen adiante as de "vesículas, hernias, obesidade ou patoloxías no percozo como a tiroides". "Son pacientes que cremos que non requiren unidades de reanimación e así procuramos telas libres por se fai falla", resumiu.