Análise

Reproducindo o patriarcado

O feminismo puxo patas arriba valores incuestionábeis do sistema patriarcal. (Ilustración: Álex Rozados)
A xornalista Paula Castro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Os medios de comunicación forman parte das nosas vidas. A súa función vai máis alá da simple oferta de información. Teñen poder para condicionar a opinión pública, facer que centremos a nosa atención nuns temas e fomentar o desinterese por outros e teñen, sobre todo, a misión de garantir a continuidade e reprodución do sistema económico e de pensamento no que vivimos.

A través de toda a programación emiten un conxunto de valores que, como explicaba hai xa 40 anos a teórica da comunicación Michèle Mattelart, corresponden aos intereses dese sistema de poder que se asenta sobre un valor principal: o económico. Para garantir ese valor é imprescindíbel que a produción se venda e para vender, non só a publicidade, senón toda a programación diríxenos cara a ese obxectivo.

Mattelart denunciaba ademais que "nesa óptica mercantil, designouse a muller, desde o principio, como principal destinataria futura dos medios de comunicación social e eixo esencial da organización dos seus programas.

A evolución da comunicación e a publicidade así o confirma. A chegada das redes sociais, a sofisticación das técnicas de marketing, o poder dos algoritmos para estudar os nosos intereses e ofrecernos, en función da nosa personalidade, os produtos de consumo da forma máis acaida, guía as nosas vidas.

O feminismo puxo patas arriba valores incuestionábeis do sistema patriarcal que, consciente do perigo que iso supuña para a reprodución de roles e para a súa propia supervivencia, afinou as formas e diversificou os medios de presentación dos seus mandatos socializadores.

O Informe sobre sexismo e publicidade dos medios de comunicación en Galiza, elaborado polo Colexio de Xornalistas, afirma que a pesar da evolución da situación das mulleres na sociedade, o cambio de roles e os avances formais en igualdade, os medios de masas continúan ofrecendo imaxes "estereotipadas, inexactas e ás veces violentas".

Búscase unha imaxe idealizada dun mundo feliz no que non existe a vellez, os problemas sociais, nin corpos deformes ou enfermos perpetuando a cousificación do corpo feminino

Lembra que a publicidade defende valores e estilos de vida e que para elaborar o discurso publicitario as e os anunciantes recorren habitualmente a estereotipos para facilitar a decodificación da mensaxe porque "a audiencia, en xeral, é máis emotiva que racional e os valores quedan gravados a nivel inconsciente".

Corpos perfectos en mundos felices

Búscase así unha imaxe idealizada, estereotípica dun "mundo feliz no que non existe a vellez, os problemas sociais, nin corpos deformes ou enfermos", perpetuando a cousificación do corpo feminino, describindo as mulleres "máis pola súa aparencia que polas súas accións, talentos ou habilidades" e convertendo en norma tanto "a subordinación do feminino ao masculino" como a vocación de servizo aos demais, sempre por diante das necesidades de si mesmas.

Desde xeito, desde pequenas as nenas son disciplinadas a través dos xoguetes e das súas publicidades nos coidados e na busca da perfección física, porque diso depende o seu éxito en todas as facetas da vida. Mensaxes que se repiten unha e outra vez en todos e cada un dos impactos publicitarios que reciben –unha persoa media está exposta a entre 1.000 e 5.000 diarios–.

A brutal irrupción das redes sociais suma novos elementos de presión sobre as mozas, porque alén da publicidade convencional, na que se reconstrúe unha historia en cuestión de segundos, aí son outras nenas, adolescentes e mulleres as que re-presentan o seu mundo sempre feliz; nunca con pobreza ou miserias; sen imperfeccións –por obra e graza dos magníficos programas de retoques que tan amabelmente as compañías de telefonía incorporan de forma altruísta nos nosos móbiles– e con medidas imposíbeis. Como adoita dicir Sés nos seus concertos, antes de cantar 'Non son fada nin princesa' , delgadas até o punto xusto de non chegar morrer.

O 'boom' das operacións de estética entre mulleres cada vez máis novas e o alarmante aumento de problemas de saúde mental que sofren as adolescentes

Iso explica a cada vez maior incidencia de trastornos de conduta alimentaria a idades temperás, tal e como se apunta na Guía de Saúde Infantil editada pola Xunta de Galiza no ano 2020; o boom das operacións de estética entre mulleres cada vez máis novas e o alarmante aumento de problemas de saúde mental que sofren as adolescentes. Problemas que o propio Facebook recoñece como consecuencia do uso aditivo de Instagram.

Ao patriarcado non lle preocupa, en absoluto, someternos a esta constante presión para garantir que nos cinximos ao papel que nos ten atribuído. A cada vez maior hipersexualización do corpo das mulleres, lonxe de ser unha escolla libre é mesmo un problema de saúde pública contra o que a sociedade no seu conxunto ten que combater desde todos os ámbitos, mais imprescindibelmente con gafas lilás.