Contra a represión policial: a Galiza sae á rúa para reclamar a absolución de Chema Naia

Mobilización pola absolución de Chema Naia este 11 de decembro na Coruña (Foto: Movemento Arredista)
O 20 de decembro está previsto que comece o xuízo contra Naia por un presunto delito de atentado contra a autoridade no despexo do centro social autoxestionado Escárnio e Maldizer. Solicitan para el catro anos e medio de prisión. "A única forma de darlle a volta é a mobilización". Coincidindo co inicio da causa, convocan unha nova mobilización ante os xulgados de Santiago.

Pola fin da impunidade policial e en defensa das liberdades públicas. A Coruña acolleu este sábado unha manifestación que, ademais de reclamar a absolución de Chema Naia, serviu para significar na súa persoa a protección dos dereitos civís.

O 30 de maio de 2017 tivo lugar en Compostela unha mobilización contra o despexo do centro social autoxestionado Escárnio e Maldizer. Entre os centos de persoas que asistiron estaba Chema Naia, que foi "golpeado por dous axentes até caer tendido no chan" durante a manifestación.

Con todo, acúsano de agredir dous antidisturbios cun obxecto contundente. "Intentaron montar ese relato para non recoñecer a brutalidade policial daquel día, cunhas 50 persoas feridas, algunhas de gravidade", explica nunha entrevista a Nós Diario no no mes de agosto.

Aquel episodio empregouse para "para criminalizar a protesta social e a organización política na Galiza" mais para "xerar un clima de desinformación e hostilidade contra as mobilizacións", defenden nun manifesto que chama á mobilización máis de medio millar de persoas, personalidades e entidades sociais, sindicais, políticas e culturais do país mais doutros territorios do Estado.

As asinantes manteñen que nos días seguintes a aquel 30 de maio "foron detidas nove persoas máis que hoxe están absoltas por se teren desestimado as inverosímiles acusacións contra elas".

Vítima da violencia policial

Chema Naia foi máis lonxe, salientan. “Atreveuse a denunciar o trato vexatorio que sufriu por parte da Policía española, e por iso é que o Estado decide agora continuar o proceso contra el. Chema enfronta peticións penais de até catro anos e medio de prisión por presumibelmente agredir varios antidisturbios, cando é el que foi vítima da violencia policial e non á inversa”.

Defenden que Chema Naia "non é culpábel destes cargos". "Sabemos que o albo deste xuízo non é facer xustiza, senón servir de aviso para todas as persoas que nos mobilizamos por causas xustas como a do CSOA Escárnio e Maldizer".

"Reprimindo Chema pretenden instaurar o medo á protesta e á organización política e social", afirman, polo que chaman a ocupar as rúas e a alzar a voz contra calquera forma de coacción.

Nova protesta contra a represión

"Contra a represión, damos unha resposta social e política". Fixérono este sábado na Coruña, cunha mobilización que partiu do Obelisco e percorreu varias rúas da cidade “para solicitar a total absolución de Chema”.

O día 20 convocan unha segunda concentración ás 9.30 horas ante os xulgados de Fontiñas, en Compostela, coincidindo co inicio do xuízo oral contra Naia.