A representación estudantil na USC pide a demisión do presidente do Consello Social da universidade

USC

Máis dun cento de membros da comunidade universitaria avalan a petición de demisión de José M. Arias. “A súa escandalosa saída da dirección do Banco Popular e a súa presunta ligazón coa trama Gürtel”, os motivos argumentados.

Os representantes da Candidatura Unitaria Estudantil, maioritaria no Claustro da Universidade de Santiago de Compostela, pide esta cuarta feira, na xuntanza do Consello Social da USC a demisión do presidente deste organismo, José María Arias. Unha solicitude que, avanzan nun comunicado, está avalada por máis dun cento de membros da comunidade universitaria e que esta quinta feira, 29 de xuño, será presentada no rexistro xeral da Universidade.

 

Este colectivo estudiantil pide a demisión de Arias en base a dous motivos. Por unha banda, a pensión de máis de 15 millóns de euros que percibirá o presidente do Consello social  “pola pola súa xestión na dirección do recentemente crebado Banco Popular”. Por outra, a investigación interna desa entidade financeira que iaponta, afirman desde a Candidatura, que Arias “ordenou a destrución de documentos que poderían probar presuntos delitos de branqueo de capitais”.

 

Para estes integrantes da USC, esas situacións xustifican a “total oposición á continuidade” de Arias á fronte da USC. “Malamente pode representar á sociedade tal e como lle corresponde”.

 

José María Arias xa estivo no albo da polémica en 2014, ao ser o seu voto decisivo para traer á Galiza unha universidade privada e católica