Xornalismo

A Real Academia Galega de Ciencias premia unha reportaxe sobre as macrogranxas publicada en 'Nós Diario'

Aspecto do río Limia ao seu paso polo encoro das Conchas. (Foto: Nós Diario)
A xornalista Mar Álvarez recibe un accésit do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas por 'A ameaza de macrogranxas na Limia', nun certame que gañou Teresa Abuín (TVG) con 'Costa inundable'.

A reportaxe titulada 'A ameaza de macrogranxas na Limia', publicada no semanario Sermos Galiza do pasado 5 de febreiro e asinada pola xornalista Mar Álvarez, vén de ser premiada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Este traballo recibiu un accésit do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, convocado pola RAGC e mais a Xunta da Galiza. O xurado valorou que "é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galiza, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo".

Mar Álvarez (Santiago de Compostela,1999) graduouse en Xornalismo pola USC en 2021 e na actualidade é alumna do Mestrado en Comunicación e Problemas Socioculturais da Universidad Rey Juan Carlos, logo de pasar pola redacción de Nós Diario.

Sinala que o das macrogranxas "foi un tema moi importante de tratar no momento no que se publicou pois, se ben o debate foi xerado polas declaracións do ministro [Alberto] Garzón un mes antes da publicación da reportaxe, resulta unha problemática de longa traxectoria no contexto galego á que poucas veces se lle dá a importancia que debera". "A través das declaracións das persoas afectadas ou de diversos colectivos ecoloxistas, fun quen de entender a gravidade do asunto, pois a contaminación xerada pola gandaría de carácter intensivo xa afecta á saúde das persoas, da Baixa Limia en especial pero tamén doutros moitos lugares da Galiza", explica Álvarez.

A xornalista Mar Álvarez.

"Sempre fun unha rapaza de letras. A ciencia sempre me impuxo moito, aínda que recoñezo a súa relevancia. Por iso síntome especialmente orgullosa de recibir este premio de xornalismo científico. Ao final, a ciencia forma parte da nosa vida e está en calquera aspecto da sociedade, polo que tamén debe ter unha contundente presenza nos medios de comunicación —a cal non sempre semella suficiente—. Faime moi feliz poder contribuir, aínda que sexa miminimamente, a facer iso posible con reportaxes coma esta", engade.

Teresa Abuín, premiada por 'Costa inundable'

O premio principal deste certame outorgouno o xurado á xornalista da CRTVG Teresa Abuín, por mor da reportaxe 'Costa inundable', emitida no programa Vivir Aquí o pasado 16 de xaneiro.

O xurado destaca deste traballo "a súa boa planificación para abordar desde a Galiza un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na suba do nivel do mar", e apunta tamén ao seu "tratamento exento de catastrofismo, con ampla riqueza de fontes e dotado dun bo hábitat sonoro que proporciona significado e sentido á narrativa audiovisual".

Teresa Abuín, xornalista da TVG.

Abuín (Rianxo, 1970) leva 27 anos traballando na TVG, en programas como Galicia Enteira, Alalá, No Bico un cantar e Vivir Aquí. "Eu son de Rianxo e vivo moi perto das augas da ría de Arousa. Cando gravamos esta reportaxe, en novembro do ano pasado, celebrábase en Glasgow o cumio do clima. Todos os días escoitabamos falar sobre a subida do nivel do mar e as súas consecuencias para a poboación en distintos lugares do planeta. De aí xurdiu a idea deste traballo. Do interese por coñecer a realidade desa problemática no litoral galego. Máis aló dos datos globais, interesábame saber se realmente se están a producir cambios na nosa costa e escoitar aos científicos que estudan as variacións do nivel do mar na Galiza", explica.