Transporte

Renfe recupera, tres anos despois, parte das frecuencias suprimidas pola pandemia no eixo atlántico: estes son os horarios

Tren na estación de Vigo-Guixar. (Foto: Nós Diario)
Melloran as conexións entre Santiago e Vilagarcía.

Renfe porá en marcha a partir do próximo 28 de marzo, terza feira, sete servizos que reforzarán a conexión do eixo atlántico entre Santiago de Compostela e Vilagarcía con prolongacións a Vigo-Guixar. Na actualidade son 18 as frecuencias que unen a capital galega con este municipio de segundas a sextas feiras e 15 nas fins de semana. Con motivo da pandemia da Covid-19, a operadora ferroviaria suprimiu parte das frecuencias e non as recuperou até tempo despois do fin das restricións.

Coa posta en marcha destes servizos, serán tres máis as opcións para viaxar de Santiago a Vilagarcía os días laborábeis, e catro nas fins de semana, mentres que en sentido contrario súmanse dúas frecuencias de segundas a sextas e tres os sábados e domingos.

As novas saídas diarias desde a estación de Santiago a Vilagarcía serán ás 11 horas, con chegada a Vilagarcía ás 11.37h; ás 15h, con chegada ás 15.46h —pasa de circular de segunda a sexta feira a ter unha frecuencia diaria e continúa até Vigo-Guixar, con chegada ás 16.44h—; ás 18h, con chegada ás 18.36h, e ás 22h, con chegada ás 22.41h —tamén se prolonga até Guixar, onde chega ás 23.32 horas—.

Mentres, as novas saídas desde Vilagarcía a Santiago serán ás 7.46h —tren con saída de Vigo ás 6.57h—, con chegada á capital do país ás 8.27h, nun tren que pasa a ter unha frecuencia diaria e non só nos días laborábeis; ás 12 horas, con chegada a Santiago ás 12.38h, e ás 20.35h, con chegada ás 21.15h.

A posta en marcha destas circulacións supón un incremento de máis de 6% á oferta total de prazas semanais de Renfe. Até o de agora os trens do eixo atlántico —que conectan Vigo coa Coruña, con paso por Pontevedra, Vilagarcía e Santiago, entre outras paradas— e os Avant da ruta Ourense-Santiago-A Coruña sumaban cada semana 100.000 asentos, aos que se suman 6.440 a partir do día 28.

Desde a plataforma de usuarios e usuarias do ferrocarril 'Perder O Tren' celebran a recuperación destes servizos e salientan que a operadora, ao quitar estes trens da circulación e non repolos durante este tempo, "estaba a incumprir o contrato de servizo público". Cren que esa falta de oferta "ten moito que ver cos colapsos das fins de semana" na liña de Media Distancia. 

Salientan tamén que viñan exixindo estas frecuencias "desde decembro de 2021", hai máis dun ano, e lembran que "aínda quedan" outras por recuperar, polo que demandan a restauración da oferta completa no eixo atlántico.