Renfe obriga desde hoxe a dar o nome e o número de móbil para comprar un billete

Tren de Renfe (Europa Press)

Renfe implanta esta segunda feira o billete personalizado, de forma que as e os viaxeiros terán que facilitar obrigatoriamente o seu nome, o seu número de teléfono móbil e outros datos de contacto cando compren un billete de calquera tipo de tren.

A compañía pública toma esta medida de carácter "preventivo" ante a actual crise sanitaria, alegando que así pode contactar coas viaxeiras en caso de alerta sanitaria ou de rexistrarse algunha eventual incidencia na circulación dos trens.

En concreto, permitirá á operadora "contactar de forma inmediata coas viaxeiras" para informarlles de se, por exemplo, se dese o caso de que estivesen en contacto con persoas contaxiadas con coronavirus, co fin de "pór en marcha canto antes os correspondentes protocolos sanitarios".

"A actual situación sanitaria aconsella implantar o billete personalizado, que repercutirá nun beneficio das viaxeiras, as súas familias, o persoal da bordo dos trens e, en definitiva, da sociedade", indicou nun comunicado.

Renfe asegura que o tratamento destes datos persoais cumprirá con todas as obrigacións que impón a normativa vixente en materia de protección de datos.