Renfe muda a oferta de trens entre Galiza e Madrid: consulta aquí os cambios
Renfe substitúe dous servizos Alvia por AVE Avril no corredor Galiza-Madrid, sumando 2.500 prazas máis á semana.
Renfe muda a oferta de trens entre Galiza, Zamora e Madrid a partir do 5 de novembro ao modificar o servizo e pór en circulación dous AVE S106 máis neste corredor, que virán substituír dous dos anteriores servizos Alvia, na conexión Vigo-Zamora-Madrid. Desta forma, as 22 circulacións diarias ofertadas (ida e volta) entre Galiza, Castela e León e Madrid pasarán a prestarse con seis AVE S106, catro AVE S112, dous Avlo e dez Alvia.
A compañía aumenta desde ese día a oferta total de prazas no corredor Galiza-Madrid con 2.500 extra á semana, ao ampliar a capacidade de butacas co cambio dos tradicionais trens Alvia aos novos AVE, prestados cos S106 de rodadura desprazábel, e que contan con máis de 500 asentos, case o dobre que os Alvia. En total, a oferta semanal no corredor Galiza-Castela e León-Madrid pasará a ser de perto de 54.000 prazas.
Renfe afirma que tamén se producirá unha “importante mellora” nos tempos de viaxe que se recortarán até en 26 minutos no caso do AVE Vigo-Madrid, e 21 minutos no AVE Madrid-Vigo.
Os dous novos servizos AVE con S106 substituirán estes dous Alvias: o Alvia Madrid-Vigo, con saída da capital española ás 11.20 horas (que modificará lixeiramente o seu horario de saída desde o 5 de novembro en AVE ás 11:23 horas en Chamartín, e paso por Zamora ás 12.29 horas), con paradas en Zamora, Ourense, Vilagarcía de Arousa (O Salnés), Pontevedra e Vigo.
Tamén é substituído o Alvia Vigo-Madrid das 17.08 horas (que trasladará o seu horario de saída como AVE ás 17.16 horas desde Urzáiz, e ás 20:14 desde Zamora), con paradas en Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, A Gudiña-Porta da Galiza (comarca de Viana), Seabra AV/AV, Zamora, Medina AV/AV, Segovia-Guiomar e Madrid.
Co cambio de tipo de tren nestes dous servizos amplíanse as prazas ofertadas e, ao pasar a prestarse cun servizo AVE, “mellórase en confort e prestacións”. O resto da oferta comercial entre a Galiza e Madrid mantén as súas frecuencias actuais. Os billetes para viaxar a partir do 5 de novembro xa están dispoñíeis nas canles oficiais de venda de Renfe.