Renfe modifica horarios de trens media distancia na Galiza para garantir ligazóns a Madrid polas obras de Chamartín

Pasaxeiros e pasaxeiras na estación de tren da Coruña (Foto: Manel Méndez).
A partir do 8 de abril axustaranse "lixeiramente" os horarios para facilitar a mobilidade das viaxeiras frecuentes na Galiza e garantir as ligazóns con Ourense e Madrid.

O operador ferroviario Renfe anunciou que modificará horarios de trens de media distancia na Galiza para garantir as ligazóns con Ourense e Madrid, debido ás obras que se realizarán na estación de Chamartín (na capital española).

Tal como informaron fontes da compañía, a partir do 8 de abril axustaranse "lixeiramente" os horarios para facilitar a mobilidade das viaxeiras frecuentes na Galiza e garantir as ligazóns con Ourense e Madrid.

"Esta modificación é froito do plan de transporte que a compañía organizou nos seus servizos polas obras de Adif na estación de Madrid Chamartín-Clara Campoamor, para duplicar a capacidade da terminal para trens de alta velocidade e longa distancia", explicaron.

En concreto, o tren media distancia 9072, que actualmente sae de Vigo-Urzaiz ás 6.35 horas con destino A Coruña, partirá ás 6.15 horas desde o 8 de abril. Desta forma, preténdese garantir que as usuarias de Pontevedra e Vilagarcía poidan enlazar en Compostela co servizo Alvia procedente de Ferrol (e destino final Madrid), para chegar a Ourense.

Tamén se producirá un axuste na saída do tren que conecta A Coruña e Ferrol, que adianta a súa saída das 6.37 horas ás 6.31 horas. Ademais, o rexional que parte do Carballiño con destino Ourense, pasará a efectuar a súa saída ás 7.50 horas no canto de ás 7.48 horas.

"Trátase dunha reestruturación temporal do servizo até que finalicen as obras na estación madrileña, até entrado o mes de xullo", sentenciaron as mesmas fontes do operador ferroviario Renfe.