Denuncian que Renfe incumpre o seu protocolo de desinfección no Eixo Atlántico

Tren de Renfe (Europa Press)
Segundo denuncia o sindicato CXT, que asegura que os tempos entre traxectos impiden ao persoal levar a cabo ese labor.

Renfe estaría incumprindo os seus propios protocolos de seguranza, segundo denuncia o sindicato CXT, ao non desinfectar os trens do Eixo Atlántico despois de cada viaxe. En concreto, o sindicato refírese aos convois de Media Distancia que cobren o traxecto entre Vigo e A Coruña.

"Esta falta de desinfección vén motivada pola rotación de vehículos que cobren os diferentes servizos que están circulando, non existindo tempo material para realizar a desinfección polo persoal de limpeza encargado", explica CXT.

Pon de exemplo que o tren que sae da Coruña ás 7.00 horas e chega a Vigo ás 8.33 horas volve saír ás 8.50 horas en dirección á Coruña, o que provoca que sexa imposíbel "realizar o protocolo de limpeza estabelecido".