Renfe emitiu máis de 66.000 abonos gratuítos na Galiza: así podes recuperar a fianza

As longas fileiras foron a tónica das primeiras xornadas de venda dos abonos gratuítos. (Foto: Arxina)
A operadora ferroviaria non a reembolsará ás persoas que fixeron un uso indebido.

Renfe emitiu uns 66.410 abonos gratuítos de Media Distancia, Avant e Proximidades de Ancho Métrico na Galiza para os desprazamentos entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2022, segundo vén de informar a operadora ferroviaria nun comunicado. No conxunto do Estado español, Renfe expediu máis de 2,34 millóns de abonos gratuítos de proximidade, Rodalies e Media Distancia e abonos Avant a 50% para os desprazamentos entre estas datas.

Do total de títulos multiviaxe gratuítos expedidos a nivel estatal, 1,63 millóns (71,6%) corresponden a abonos para viaxar nos diferentes núcleos de proximidade, Rodalies e Proximidades de Ancho Métrico, mentres que os 665.000 abonos restantes (28,4%) son para traxectos de Media Distancia. Alén dos abonos gratuítos para clientes recorrentes, Renfe vendeu perto de 92.000 títulos con descontos de 50% para os trens Avant para utilizar nos servizos de media distancia de alta velocidade.

Devolución de fianzas

Pola súa parte, Renfe comezará o próximo 9 de xaneiro a devolver de forma automática as fianzas de 10 e 20 euros pagadas polos usuarios de proximidade e Media Distancia, respectivamente, vinculadas ao uso destes abonos gratuítos. Así o avanzou a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, nun encontro coa prensa decorrido esta segunda feira na estación madrileña de Novos Ministerios, onde repasou a forma de proceder para volver solicitar os novos abonos gratuítos para viaxar durante os próximos catro meses.

Desta maneira, a partir do 9 de xaneiro todos os usuarios e usuarias que pagaron a fianza con tarxeta recibirán de forma automática a súa devolución, mentres que os que a pagaron en metálico poderán solicitar o reembolso presencialmente a partir do 15 de xaneiro.

Con todo, non recibirán a devolución aqueles viaxeiros que fixesen un uso indebido dos abonos, ao reservar varias prazas nun día e non viaxar en ningunha. Até o 23 de decembro, só 70 viaxeiros foron xa informados por Renfe de que se lles retiraría e o abono e incautaría a fianza. Tampouco a recibirán os que non fixesen un mínimo de 16 viaxes durante os catro meses de fianza do abono.

O BNG demanda máis frecuencias

Noutra orde de asuntos, o BNG demandou ao Goberno español un incremento das frecuencias ferroviarias na Galiza, exixindo que se solucionen os problemas e atrasos que existen na actualidade nas liñas que conectan as principais cidades do país e que están a provocar "graves prexuízos" para os usuarios.

Tal e como indicou o deputado nacionalista na Cámara baixa, Néstor Rego, a bonificación do prezo do tren animou centenares de persoas a utilizaren o transporte público. Con todo, os "continuos atrasos" están a provocar "malestar" entre as persoas usuarias na Galiza. "Existen atrasos de máis de 20 minutos nas principais liñas que conectan o Eixo Atlántico e a liña Avant Ourense-A Coruña, que provocan malestar entre os usuarios", lamentou Rego.

En consecuencia, a formación nacionalista reivindicou "máis frecuencias", a comezar polas franxas horarias de maior demanda, como as primeiras horas da mañá ou o mediodía. Ao seu xuízo, esta medida permitiría desconxestionar as longas ringleiras que se producen nas principais estacións galegas e atraería máis usuarios. Aliás, Rego lembrou que aínda non se recuperaron todas as liñas suprimidas durante a pandemia.