Renfe endurece a política de reservas con abonos gratuítos, estas son as medidas que tomará

Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press).
Co obxectivo de fomentar o bo uso destes títulos bonificados, Renfe lanzará unha campaña de concienciación á cidadanía na cal se incide que o mal uso dos abonos supón un prexuízo para o resto da cidadanía que desexe realizar os seus desprazamentos.

Renfe tomou novas medidas na súa política de reserva de prazas a través dos abonos gratuítos e bonificados, co obxectivo de seguir reducindo o “uso fraudulento” que se fai destes ao reservar algúns viaxeiros asentos que finalmente non utilizan. Así, nos percorridos de Media Distancia por vía convencional, Renfe ampliou a unha hora (actualmente son 10 minutos) o tempo no que unha reserva debe ser formalizada ou, en caso de non realizar a viaxe, anularse.

Desta forma, os usuarios que non vaian utilizar a praza reservada cos abonos deberán cancelala cun mínimo de 60 minutos de antelación. No caso de que, polo menos en tres ocasións, non cancelasen a praza con antelación, perderán o dereito para adquirir novos abonos durante os seguintes 30 días.

Previamente, Renfe enviará ao viaxeiro, con ocasión das dúas primeiras cancelacións non realizadas coa antelación mínima requirida, senllas comunicacións ao contacto facilitado polo mesmo, que advirta das posíbeis consecuencias.

En ocasións, hai usuarios de abonos Avant e Media Distancia convencional que reservan varias prazas e despois non viaxan e tampouco as anulan, o que dificulta que outros viaxeiros con necesidade de desprazarse neses horarios e traxectos poidan conseguir a súa praza, e provoca que o tren leve prazas desocupadas que non se poden comprar xa que aparece "tren completo" na venda.

Tamén se detectaron usos fraudulentos, como viaxeiros que usan os abonos doutros titulares. Renfe lembra que os abonos obxecto de subvención son nominativos (precísase que o documento de identidade coincida co usuario do abono).

Controis

Ademais, Renfe realizará controis aleatorios nos seus servizos de Media Distancia e Avant para comprobar o uso correcto dos títulos bonificados. No caso de detectarse incumprimento da normativa aplicaranse as medidas antifraude estabelecidas nestes servizos. Este ano, Renfe vai seguir profundando nas iniciativas para evitar o uso irregular dos abonos nos servizos de Media Distancia e nos Avant, onde aínda se detecta un uso irregular que impide gozar destas medidas a toda a cidadanía.

Co obxectivo de fomentar o bo uso destes títulos bonificados, Renfe lanzará unha campaña de concienciación á cidadanía na cal se incide que o mal uso dos abonos supón un prexuízo para o resto da cidadanía que desexe realizar os seus desprazamentos.