Renfe calcula que o “vandalismo grafiteiro” na Galiza supón un custo de máis de 210.000 euros

(Foto: Renfe)

A empresa explicou que foron pintados máis de 500 metros cadrados de superficie dos seus vagóns, necesitándose máis de 105 horas de traballo para a súa limpeza na Galiza.

 

O operador ferroviario Renfe calcula que o “vandalismo grafiteiro” na Galiza supuxo un custo e máis de 210.000 euros en 2023, tras rexistrar 42 accións nos seus trens.

Nun comunicado, a empresa explicou que foron pintados máis de 500 metros cadrados de superficie dos seus vagóns, necesitándose máis de 105 horas de traballo para a súa limpeza na Galiza.

Desde Renfe recalcaron que este tipo de actos vandálicos repercuten directamente nas persoas usuarias, que sofren os atrasos e trens suprimidos por carencia de visibilidade ou grafitis nos elementos de seguridade dos trens que impiden a circulación; freadas de emerxencia para pintar no medio dun traxecto ou o cheiro deste produto químico que resulta moi molesto aos viaxeiros, entre outros efectos.

No conxunto do Estado, Renfe destinou máis de 25 millóns de euros ao “vandalismo grafiteiro” en 2023, preto de 70.000 euros ao día, cunha superficie afectada de 80.000 metros cadrados de superficie en trens e outras instalacións.

Os 25 millóns inclúen non só a limpeza, senón os gastos indirectos como o investimento en seguridade, tanto de persoal como outros sistemas tecnolóxicos.

Os trens foron detidos 15.000 horas de forma non prevista por limpeza de grafitis, debido ás 3.977 intrusións de grafiteiros denunciadas nas instalacións de Renfe, o que representa unha media de máis de 11 actos vandálicos deste tipo ao día.