Renfe acaba cos abonos gratuítos sen ofrecer alternativas adaptadas á Galiza

Usuarias e usuarios de Renfe agardando a subir ao tren na estación de Urzáiz, en Vigo, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Desde esta segunda feira, están dispoñíbeis os novos bonos, con vigor desde o 1 de xullo. Uns bonos que se aplican en todo o Estado español mais que non afectarán da mesma maneira a todas as autonomías.

Renfe pon data de caducidade aos bonos gratuítos, en funcionamento desde setembro de 2022. Desde esta segunda feira, están dispoñíbeis os novos bonos, con vigor desde o 1 de xullo. Uns bonos que se aplican en todo o Estado español mais que non afectarán da mesma maneira a todas as autonomías.

Así, mentres aquelas que dispoñen de servizos de tren de proximidade poderán contar con bonos a un prezo de 20 euros ao mes,  no caso galego, onde operan os servizos de Media Distancia, os bonos, válidos sempre nun mesmo traxecto cunha orixe e destino definidos, contarán cun desconto do 50% no caso de mozas e mozos de até 26 anos e de 40% para o resto da poboación, mentres que os menores de 14 anos viaxarán gratis.

O prezo do bono mensual para o traxecto entre A Coruña e Vigo pasará da gratuidade aos 204,65 euros; o da Coruña a Santiago custará 90,30 euros; o da Coruña a Ourense, 261,05 euros; o de Santiago a Ourense 163,05 euros; o de Vigo a Santiago, 139,40 euros; o de Santiago a Vilagarcía de Arousa, 60 euros e o de Pontevedra a Vigo, 51,70 euros. 

O anuncio da eliminación da gratuidade dos bonos espertou críticas. Desde a Plataforma de viaxeiros recorrentes do tren alertan de que o que se paga por traxecto na Galiza é unha cantidade maior á que teñen que abonar os usuarios do tren de proximidade do resto do Estado polos propios descontos que aplica Renfe.

Tamén o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou a semana pasada que "o transporte público, e en particular ou ferroviario, debe ser unha prioridade da política estatal, tamén na Galiza" e sinalou que "non abonda co billete único" anunciado para 2026.