Mobilidade

Renfe abre o prazo para adquirir os abonos gratuítos do segundo cuadrimestre do ano

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)
A operadora ferroviaria continuará estes meses coas iniciativas para evitar o uso irregular dos abonos nos servizos de Media Distancia e nos Avant.

Renfe abriu esta segunda feira o prazo para solicitar os novos abonos gratuítos de proximidade, Rodalies, servizos de Cercanías e Media Distancia, así como os descontos de 50% en Avant, para viaxar desde o 1 de maio até o próximo 31 de agosto.

Para axilizar a adquisición dos abonos e evitar esperas innecesarias, Renfe lembra que é posíbel facer este trámite a través da app de proximidade Renfe ou, no caso dos abonos de Media Distancia e Avant, a través da web www.renfe.com.

A operadora ferroviaria continuará estes meses coas iniciativas para evitar o uso irregular dos abonos nos servizos de Media Distancia e nos Avant. Así, nos percorridos de Media Distancia por vía convencional, Renfe mantén nunha hora —antes eran 10 minutos— o tempo no que unha reserva debe ser formalizada ou, en caso de non realizar a viaxe, anularse, de forma que as persoas usuarias que non vaian utilizar a praza reservada cos abonos deberán cancelala cun mínimo de 60 minutos de antelación.

No caso de que, cando menos en tres ocasiones, non cancelasen a praza coa mencionada antelación, perderán o dereito para adquirir novos abonos durante os seguintes 30 días. Previamente, Renfe enviará ao viaxeiro, con ocasión das dúas primeiras cancelacións non realizadas coa antelación mínima requirida, senllas comunicacións ao contacto facilitado polo mesmo, que lle advirta das posíbeis consecuencias.

Para adquirir o abono, aínda que é gratuíto, é necesario depositar unha fianza de 10 euros no caso de proximidade, Rodalies e servizos de Cercanías, e de 20 euros para cada servizo de Media Distancia convencional.

O pagamento con tarxeta permitirá a devolución automática da fianza, unha vez que ao final do cuadrimestre se constate que se cumpriu a condición de realizar 16 desprazamentos durante estes catro meses.