Requisito para acceder ao programa, ter ingresos mensais por baixo dos 532,51 euros

Renda Social Municipal da Coruña, a estrela que perdeu brillo

Sala do Ágora para trámites administrativos, entre eles o das axudas sociais

As entidades sociais e a Concellaría de Xustiza Social esfórzanse en salvar unha medida que dous anos despois das eleccións apenas cobre as necesidades básicas de 52 familias na Coruña.

O departamento chámase Xustiza Social, a responsábel é unha licenciada en dereito de 30 anos sen experiencia en xestión pública que accedeu ao liderado de Esquerda Unida na cidade poucos meses antes das municipais e entrou no goberno como única representante desa formación. O programa da Marea Atlántica ofertaba a “creación dunha Renda Social Municipal para completar os ingresos das persoas máis necesitadas”. Silvia Cameán Calvete púxose mans a obra desde o principio nas dependencias da concellaría nos Catro Camiños, un piso con pouca luz e sen rehabilitación algunha desde os días da moqueta, un indicador do papel subalterno dos servizos sociais para os sucesivos gobernos, unha herdanza complicada porque ao PP non lle facía falta mirar polos pobres. Pero á Marea Atlántica, si. “A pobreza debería ser ilegal”, foi unha das súas primeiras declaracións. 

 

Dous anos despois, a pobreza segue sen estar prohibida no país e, malia aos esforzos, semella lonxe de ficar erradicada na Coruña. Na terceira semana de maio, Xustiza Social ten concedida a prestación a 52 unidades de convivencia, 52 rendas sociais. As transferencias monetarias van desde os 532 euros aos 1.065 euros en función do tamaño dos fogares. 

 

Como medida estrela do departamento no arranque da lexislatura, a Renda Social Municipal fracasou antes de arrancar. Como política pública era fácil de comunicar, pero resultou moi complexo poñela en marcha.

 

Na terceira semana de maio, Xustiza Social ten concedida a prestación a 52 unidades de convivencia, 52 rendas sociais

 

Prazos e axenda

 

“Houbo que traballar moito a forma xurídica da axuda. Quixemos que fose unha prestación e non unha subvención, porque como subvención corres o risco de entrar en bucle. Se tes débedas xa non podes acceder a ela, e se a recibes pero non a xustificas, pasas ao estado de debedor”, sinala a concelleira. A elaboración da norma converteuse nun labirinto xurídico. E non ía ser tan fácil de comunicar. A Renda Social tiña a virtude de que ía ser inembargábel, mais o que transcendía desde o concello era que os trámites estaban a ser fatigantes. A principal das “medidas urxentes” de Xustiza Social demorouse todo o ano 2015 e durante toda a primeira metade do 2016. Sen relato, o departamento viuse atrapado nas liortas que lle conviñan á oposición do PP, coma o caso das bolsas para estudos nos Estados Unidos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“É certo que nun inicio levou o seu tempo. Comezaron traballadoras novas, houbo que pedir permisos a outras administracións para evitar tanta carga burocrática aos usuarios”, di Cameán, que nos primeiros meses do seu mandato se laiaba da falta de medios humanos e materiais no departamento. A maquinaria da administración ten mecanismos para marcar os seus tempos independentemente do xestor político ao fronte. Pasoulle a Cameán, que tardou meses en acompasar eses tempos coa necesidade de impor a súa axenda política. Coma no caso da promesa de facer de Coruña unha cidade sen despexos de vivenda por desafiuzamentos, na renda social había que contar coa complicidade doutros actores. A presión sobre a nova concelleira foi tal que a comezos de 2016 nun Dillo Ti, unha desas visitas en sábado de todo o goberno municipal aos barrios, Cameán rompeu a chorar diante da queixa dunha veciña polas deficiencias na asistencia a domicilio. 

 

Barreiras

 

“Ao principio houbo unha serie de requisitos que non eran congruentes coa realidade social que se pretendía atallar”, indica Zorahaida Casais, de SOS Racismo, “por exemplo, pedíase ser titular dun contrato de alugueiro, e isto era un obstáculo de acceso á prestación para persoas que se non teñen este contrato é pola súa situación. Iso entendeuse e modificouse”.

 

A normativa da Renda Social define as beneficiarias como aquelas persoas con ingresos mensuais por baixo dos 532,51 euros. O resto dos requisitos son os habituais na constatación administrativa da pobreza. Un pesadelo para os potenciais beneficiarios. “Trátase de demostrar que es máis pobre que os demais, explicar como e con quen vives, que nin traballas nin recibes outras axudas”, conta Rubén Sánchez, portavoz do Foro Galego de Inmigración. “E todo iso alguén ten que acreditalo. Unha traballadora ou traballador social, que fan dúas visitas e avalían todo o expediente. Iso pasa á intervención que ve defectos e volve pedir documentación. Hai documentos que caducan e hai que os pedir de novo. Unha tortura, e máis para persoas con escasos recursos de todo tipo”.

 

A normativa da Renda Social define as beneficiarias como aquelas persoas con ingresos mensuais por baixo dos 532,51 euros

 

Casais e Sánchez, que traballan co colectivo de inmigrantes, advirten que unha das virtudes da Renda Social foi incluír como perceptores da prestación persoas en situación de irregularidade. Mais a  sensación inicial de actores obxectivamente aliados desta política pública era que os estaban enterrando en papeis. 

Así transcorreu todo o ano 2016, até que en outubro se abriu o prazo para comezar a solicitar a prestación. Os 99 primeiros días de goberno da Marea Atlántica quedaran moi atrás. A cantidade inicialmente prometida, 3 millóns de euros, rebaixábase case á metade. Porén, a Renda Social estaba en marcha e había présa por contalo. O 1 de decembro o concello anunciou que se concedera a primeira renda, a unha muller, como se lle tivera tocado a lotaría, e informou de que había 135 expedientes en trámite. Mentres desde a comunicación se trataba de revivir o brillo apagado da medida estrela, a pé de rúa as ONG seguían a sortear obstáculos e nos despachos da concellaría continuaba un acelerado proceso de aprendizaxe. Malia a que Xustiza Social convidou as traballadoras e traballadores que atenden os usuarios a contar a súa experiencia nesta reportaxe, “ningunha se ofreceu voluntaria”.

 

Os usuarios

 

Cantos potenciais beneficiarios hai na Coruña, unha cidade de 244.000 habitantes? O concello non precisa a cifra. O IGE tampouco, mais permite unha aproximación. Segundo o Instituto Galego de Estatística, na Área da Coruña a taxa de risco de pobreza era no 2015 de 12,2 por cento. Isto é, esa porcentaxe rexistaba uns ingresos mensuais por baixo dos 630 euros (o limiar de pobreza estimado para o conxunto da provincia). “Cantos potenciais beneficiarios? Pois en torno a 10 por cento da poboación, a taxa de risco de pobreza está nese 10 por cento na cidade. Habería que ver a situación concreta de cada quen, xa que poden estar recibindo outras prestacións e non ter dereito a esta”, explica Silvia Cameán.

 

As taxas de pobreza e exclusión apenas variaron durante a crise por unha cuestión metodolóxica: o indicador de referencia é a mediana de ingresos, e os salarios caeron. É dicir, moitos dos que quedan por riba do limiar tamén perderon ingresos. Na Galiza a taxa de risco de pobreza era de 19,4 por cento en 2015 (último dato oficial).

 

“Seguramente temos que facer un pouco máis de traballo de difusión. Hai moitos potenciais beneficiarios que non saben que o son. Hai persoas traballando, con salarios precarios, que poderían acceder á renda. Non estamos tendo as entradas esperadas”, di a concelleira, e sinala “con todas as precaucións” que tendo en conta a media do que perciben os usuarios e as casuísticas, Xustiza Social podería atender este ano entre duascentas e trescentas unidades, “de 500 a 600 persoas”. E recoñece que “hai máis de dez mil usuarios potenciais” para unha partida orzamentaria de 1,6 millóns que o concello se comprometeu a ir aumentando nos próximos anos. 

 

As propias traballadoras sociais poden iniciar os trámites. Pero a maioría dos que xa accederon á renda non tiñan contacto cos servizos sociais. “Na maioría de casos estamos falando de xente que xa era pobre antes da crise e continúa a selo hoxe”, di Saray Surán, de Ecos do Sur, unha das ONG que se reúnen periodicamente co departamento de Xustiza Social para avaliar as políticas de axudas directas.

 

Silvia Caméan recoñece que “hai máis de dez mil usuarios potenciais” para unha partida orzamentaria de 1,6 millóns

 

Despois da última reunión a mediados de maio, e sen rexistar indo os dados dese mes, o departamento de Cameán tramitaba 273 solicitudes, das que 84 entraran no mes anterior e 117 recibiran xa a valoración positiva. Un terzo das solicitudes son de inmigrantes. SOS Racismo, que tramita especificamente as de este colectivo, xestiona unhas corenta e viu concedidas case a metade. A renda comeza a camiñar. Mais aínda é cedo para facer avaliacións a respecto da eficacia da prestación. 

 

“Agora xa non se trata de cantos van, senón de cantos faltan e canto tempo falta para que todos estean atendidos”, advirten desde as ONG. Cameán responde as demandas de urxencia. “Si, a urxencia respecto a exclusión social é altísima na cidade, pero temos que ter en conta de onde vimos, a herdanza do PP”.

 

Emerxencia clara, obxectivo en cuestión

 

Mentres chega información aos que faltan e para que non quede sen atender esa emerxencia, Xustiza Social traballa coa ordenanza de 2008 que regula as axudas destinadas a facer fronte a gastos extraordinarios (até un máximo de 1.600 euros nun período de un ano para facturas da luz e da vivenda, entre outras) e cun programa propio de prestacións para alimentación en colaboración con Vegalsa Eroski. Son vales por un importe máximo de 150 euros ao mes que se conceden para un período de tres meses, ampliábel. O usuario elixe entre 12 Eroski Center e 14 Familia da cidade, os vales chegan ao responsábel de cada supermercado e intercámbianse nas caixas. Vegalsa calcula que move uns 60.000 quilos de alimentos cada mes con estes vales. “Aquí abrimos hai pouco”, explican nun Familia próximo a un dos centros de tramitación das axudas, o Ágora. “Haberá dez ou doce usuarios habituais, levan produtos de primeira necesidade, ás veces en compras de 30 euros, outras de 50. Teñen que gastar todo o vale porque non se devolven cartos”.

 

“Algunhas somos reticentes a respecto das medidas asistencialistas. E non sabemos si se poderán cumprir por esta vía os obxectivos de inclusión cos que naceu a renda”, pregúntase Casais. A percepción da Renda Social Municipal está vinculada ao seguimento dun itinerario de inserción no mundo laboral. A renda mantense por períodos de seis meses ampliábeis até ano e medio. Durante ese tempo, os perceptores deben someterse a una avaliación continua, con novas visitas dos servizos sociais aos seus domicilios e asistindo a formacións de todo tipo. O problema, sinalan desde as ONG, está na coordinación da axuda con esa formación. Por exemplo, no caso de moitos inmigrantes, págaselles para que dediquen o tempo a formarse e non á venda ambulante para sobrevivir. Fan alfabetización, cálculo, exames de competencias, cursos. Pero a realidade é que van transitando dunha prestación social (a RAI, do Estado; a RISGA, da Xunta; agora a renda municipal) a outra, da cociña económica ou os puntos de reparto de alimentos das ONG ao vale nos Eroski e Familia. 

 

“O que lle estamos pedindo a Xustiza Social é medidas concretas para favorecer a inclusión laboral, cousas que se poden facer desde o Concello: cláusulas sociais vinculadas á contratación de xente que segue estes itinerarios da renda, ou unha municipalización ou creación de empresas públicas nas que poidan atopar traballo”, di Casais. “Ou un plan de cooperativas coma noutras cidades”, apunta Surán, sen esquecer as dificultades actuais: “tamén estaría ben esa idea que se comentou nalgunha reunión de que sexan as traballadoras as que tramiten todo”. 

 

“Por primeira vez, hai irregulares podendo facer cursos de formación”, felicítanse en SOS Racismo. A renda comeza a ter efectos, mais inda deberá xestionar promesas que non chegará cumprir. OcConcello destina a programas sociais 6.067.500 euros. Entre outras partidas: 747.000 euros para as axudas de emerxencia, 530.000 para os comedores sociais no Ventorrillo e en Monte Alto, e 255.000  a un convenio con Padre Rubinos. Os 1.645.911,03 euros da Renda Social Municipal van íntegros para as prestacións, “o gasto de persoal impútase a outras áreas do Concello e non sei cal é o montante”, indica Cameán. Todo o gasto en programas sociais, sen incluír o gasto administrativo, daría para pagar mil rendas nun ano, non máis.  

 

Contentas e impacientes

 

“A situación en canto a renda tende á normalizarse”, sinala a representante de Ecos do Sur. “As entidades están contentas, pero impacientes”, explican desde o Foro Galego da Inmigración. As entidades optan por centrase en ir superando obstáculos e corrixindo a renda sen mirar máis alá. “Hai esperanza, si; é unha oportunidade”, resume Zorahaida Casais e chama a atención sobre algunha desas contradicións legais que lastran as políticas públicas innovadoras. A propiedade dun turismo, por exemplo, reduce a cantidade a percibir. Considérase que esa propiedade é vendible para atender as necesidade que vai cubrir a renda. Mais na teoría, ese coche non se usa porque as persoas en situación irregular non dispoñen do permiso para facelo. Sw o venden, gañan renda; pero quedan sen unha ferramenta para o único traballo digno ao que poden acceder con seguridade: a venda ambulante. 

 

Hai 52 fogares que reciben a transferencia monetaria da Renda Social na Coruña. A metade son persoas soas, máis da metade son homes e hai case tantos africanos como nacionais españois, a idade media está en torno aos 40 anos e 70% non completaron estudos máis alá dos primarios. Hai uns douscentos máis en espera.

 

As fotos son da autoría de E.D. As que van inseridas no corpo do texto son, de arriba a abaixo, (1) Silvia Cameán, concelleira, durante a entrevista con Sermos; (2) Encargada dun supermercado cun dos cheques de alimentación; (3) Asentamento na Pasaxe.