Remite o temporal de vento mais baixan as temperaturas

Dous coches circulan por unha estrada en Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), o pasado 24 de febreiro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A circulación volve á normalidade na montaña.

Os efectos do temporal remitiron nas últimas horas na Galiza, cun descenso no volume de precipitacións que favoreceu a baixada no nivel de caudal dos seis ríos que aínda esta terza feira figuraban en alerta por risco de inundación (Ladra, Madalena, Miño, Mandeo, Mendo e Landro). Con todo, os Concellos e a Policía Local manteñen baixo vixilancia determinadas zonas.

Ademais, despois dunha segunda feira na que as nevadas causaron problemas nas estradas das comarcas de montaña, onte só se recomendou precaución na estrada estatal paralela á A-6 que dá acceso á Galiza desde Castela e León. Alí, segundo trasladou a Dirección Xeral de Tráfico, están prohibidos os adiantamentos pola acumulación de neve na vía, pero a circulación está normalizada. 

A remisión da borrasca deixouse notar nos datos recadados por Meteogaliza, que unicamente captaron un refacho de vento superior aos 90 km/h. Foi ás 4.50 horas en Manzaneda (Terra de Trives), onde se alcanzaron os 130,2 km/h. 

Na costa, as condicións meteorolóxicas tamén se suavizaron, cun descenso da altura nas ondas –picos de 4 metros nas Sisargas (Bergantiños) e de menos de 3 na costa leste–, e ventos por baixo dos 70 km/h en Cedeira (Ferrolterra), con 69,3 km/h e na cidade da Coruña, 67,5 km/h. 

Con todo, os termómetros experimentaron un descenso, con varios puntos do país en temperaturas mínimas que se achegaron aos cero graos, limiar que se rebaixou en puntos altos como A Veiga (comarca de Valdeorras), que rexistrou unha temperatura de -5,4ºC, ou Manzaneda, onde  o termómetro marcou -5,2ºC.