Remata a obriga da avaliación ambiental para proxectos eólicos en zonas "non protexidas"

Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
Estes proxectos poderán ser aprobados unicamente cun estudo sobre o impacto medioambiental elaborado polo seu promotor.

Aqueles proxectos de enerxía eólica e fotovoltaica cuxa instalación non vaia ser no mar, dentro de zonas consideradas Patrimonio Nacional e da Biodiversidade ou da Rede Natura, xa non estarán obrigados a realizar unha avaliación de impacto ambiental.

Así o vén de informar o Goberno estatal, indicando que, desde este momento, estes proxectos poderán ser aprobados unicamente cun estudo sobre o impacto medioambiental elaborado polo seu promotor.

Nun prazo de 10 días, a Administración e o equipo técnico analizarán a documentación e, se consideran dar o visto bo, non se pronunciará. Así, completará a avaliación só se entende que o informe entregado é insuficiente.

Se ben este procedemento xa estaba vixente desde o pasado mes de marzo para instalacións de pequeno tamaño co obxectivo de axilizar os permisos requiridos, segundo o Executivo estatal, a partir de agora a magnitude do proxecto xa non se terá en conta no proceso.

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, confirmou que nos próximos dous anos calquera promotor dalgún proxecto eólico ou fotovoltaico, por grande que sexa, poderá acollerse a este procedemento, sempre e cando non se implante en zonas protexidas.

Porén, só poderán facelo os proxectos de nova creación, é dicir, que aquelas instalacións que xa se estean tramitando na actualidade non poderán aplicar o trámite acelerado.

Esta modificación nos procesos de autorización dos proxectos está plasmada no decreto lei coas novas medidas para paliar as consecuencias da crise económica, aprobado polo Executivo de Sánchez o pasado mes de decembro.

O obxectivo é acelerar o despregamento de enerxías renovábeis facilitando os procesos requiridos. Desde o Goberno español manteñen que estas normas non permitirán que se dane en ningún momento o medio ambiente.