Remata a identificación dos corpos recuperados do 'Vila de Pitanxo'

Operarios do 'Praia de Menduiña II' baixan a porto un dos corpos rescatados (Foto: Paul Daly / Europa Press).

Os corpos sen vida rescatados após o naufraxio corresponden a cinco cidadáns españois, tres peruanos e un ghanés.

Os labores de identificación dos nove corpos recuperados no naufraxio do barco 'Vila de Pitanxo' concluíron este sábado, segundo anunciou a Delegación do Goberno na Galiza nun comunicado despois de trasladar esta información ás respectivas familias e ao equipo de psicólogos que atende aos familiares que así o demandaron.

Segundo confirmaron as propias familias, entre os corpos identificados están os de Rogelio Franco, Miguel Lumbres, Diego Andrés Moré, Daniel Fernando Moré, William Arévalo Pérez y Ricardo Alfonso Cruz Flores. Ademáis, foron recoñecidos o mariñeiro de Lepe (Huelva) José Antonio Cordero, o cociñeiro de Bueu Fernando Santomé e o ghanés Apaanah Pelungo Zure. En total, cinco españois, tres peruanos e un ghanés. 

Sete destas vítimas mortais arribaron ás 11.30 horas ao porto de San Xoán de Terranova a bordo do pesqueiro galego 'Praia de Menduiña II', que tamén transportaba aos tres mariñeiros sobreviventes do naufraxio .

Alí foi recibido polo cónsul xeral de España en Montreal e o cónsul honorario, despois de que esta sexta feira atracase no mesmo porto o buque canadense 'Nexus' cos corpos dos outros dous falecidos.

Desde o porto, os corpos sen vida dos mariñeiros foron trasladados en coches fúnebres para que equipos forenses canadenses procedesen aos labores de identificación.

Volta a casa

Pola súa parte, os tres sobreviventes xa están en terra. Trátase do patrón do barco, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, así como o mozo ganés Samuel Kwesi, residente en Marín.

Os tres abandonaron o 'Praia Menduiña II' minutos antes das 16 horas e foron recollidos por un vehículo, segundo confirmaronfontes presentes na zona.

O Goberno explicou este sábado que o Consulado Xeral prestaralles todo o apoio necesario para o cumprimento obrigatorio das formalidades de inmigración e aduaneiras de Canadá, e facilitaralles os documentos de viaxe que lles permitirán regresar a España canto antes.

Ademais, o Executivo estatal fretará este domingo un avión A-400 do Exército do Aire, con destino ao aeroporto de San Xoán de Terranova, para a repatriación dos mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio do 'Vila de Pitanxo' e dos nove falecidos rescatados até o momento.