Remata con éxito a folga da UCI de adultos no Hospital Clínico de Compostela

Traballadoras do persoal da UCI de adultos en folga (Foto: Nós Diario)
As traballadoras desconvocan a folga despois de asinar o acordo

A dirección do Hospital Clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) cedeu no pulso que mantiña coas traballadoras e traballadores da UCI de adultos, que levaban en folga desde o 16 de novembro de 2020.

Unha vez asinado o acordo a pasada segunda feira desconvocouse a folga, explicou Xavier Alvedro, delegado sindical da CIG no centro hospitalario, despois de analizaren ao longo da pasada semana a última proposta de dirección.

Este acordo obriga ao CHUS a respectar o tempo de formación das traballadoras -que computará coma tempo traballado- e a mobilidade intercentros, “para non ser moneda de cambio” incidiu Alvedro. Tamén recolle o pacto a convocatoria da praza de Xefa do Servizo de Medicina Intensiva.

Outros dos aspectos que inclúe o acordo é o compromiso da xerencia do CHUS de acometer á remodelación completa da UCI de adultos transformándoa nunha unidade con boxes pechados e pasando das 15 camas actuais a 12. Polo de agora, o proxecto atópase en fase de licitación e establece tanto os prazos de execución como un orzamento de 1.258.046 euros.

Sinala a CIG que esta reforma “garantirá unha asistencia sanitaria digna, tanto para as e os doentes de coidados intensivos, como para o persoal”, e destaca a obriga do CHUS de formar as traballadoras nas novas técnicas e nos novos aparellos, así como  “un Plan Funcional no que se regulen todas as cuestións que atinxen ao funcionamento da unidade” apuntan.

O Plan de prevención e de continxencia contra a COVID-19 era outro dos puntos de fricción entre a xerencia do CHUS e as traballadoras da UCI de adultos, no acordo engádese a aplicación das medidas do Plan de Prevención de Riscos fronte á COVID, do Plan de Continxencia do SERGAS e da Área Sanitaria.

Tamén se contempla a avaliación ao persoal da UCI de adultos no referente aos riscos psicosociais; até que se desenvolva un programa específico ás profesionais poderán recibir axuda psicolóxica a través do Plan de Axuda Psicolóxica posto en marcha polo SERGAS e o propio servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria, informou o sindicato nacionalista.

Para a supervisión e seguimento do cumprimento do acordo constituirase unha comisión integrada pola Xerencia, a xefa de servizo; a supervisora e representantes do persoal que este designe.