Finaliza en Ourense a cadea de encerros contra os recortes no Ensino

Co realizado na Cidade das Burgas son 14 os encerros convocados pola Plataforma Galega, e que arrancaron o 14 de Maio en Santiago. Ao tempo, a comunidade educativa da bisbarra do Barbanza fechouse no IES nº1 de Ribeira, tamén en contra da tesourada á educación pública

A campaña de fechamentos rotativos en contra dos recortes no ensino público emprendida pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chega á súa fin cun encerro na Xefatura Territorial de Educación de Ourense esta sexta feira.

Durante as dúas últimas semanas, o colectivo realizou catorce peches no que pais e nais, estudantes e docentes amosaron o seu rexeitamento a que a Consellaría de Educación aplique no ensino galego as medidas que prevé o RD Lei 14/2012 e que o recorra por invadir as competencias que en materia educativa ten a Xunta de Galiza.

Así, os encerros en Santiago e Melide o 14 de maio e continuaron en Ferrol, Verín, Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Burela, Bueu, A Guarda, Ribeira e Carballo. Unha vez rematadas estas mobilizacións, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un apelo a participar na manifestación nacional en defensa dunha Educación e dunha Sanidade públicas, que sairá da Alameda de Compostela este domingo, 3 de xuño, ás 12 do mediodía.

A bisbarra do Barbanza, tamén contra a tesourada ao Ensino público
Houbo máis peches por esta mesma causa. Esta quinta feira, a comunidade educativa da bisbarra do Barbanza chamou toda a cidadanía a facer parte dun encerro no IES nº1 de Ribeira, que se prolongou desde as cinco do serán até a sexta á mañá. Co mesmo obxectivo que a Plataforma Galega, as persoas que participaron nesta acción de protesta puideron gozar dun club de lectura, música "reivindicativa" interpretada polo propio alumnado e a proxección de materiais audiovisuais.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeita os recortes propostos, denuncia "que con eles se ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades" do alumnado, que "aumentarán o fracaso escolar e suporán o despedimento de máis de 2000 profesores/as" na Galiza. Por todo isto, exixe que o Goberno galego "actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego", que se negue "rotunda e publicamente" a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e que presente recurso por invasión de competencias.